Suspensión de cursos de galego para funcionarios de xustiza destinados fóra de Galicia


21 jun 2012



Carta de CCOO de Xustiza ao Director da EGAP


SR. DIRECTOR DA ESCOLA GALEGA DAS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS
R/ DE MADRID 2-4
15707-SANTIAGO DE COMPOSTELA.

No día de hoxe tivemos coñecemento a través dos traballadores, pois o Sector de Xustiza de CC.OO non recibiu comunicación ningunha ao respecto e tan só se molestaron en colgalo na súa páxina web, da anulación de TODOS os cursos de Teleformación de Linguaxe Xurídica destinados a traballadores da Administración de Xustiza que prestan servizos efectivos fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, así como a maioría das convocatorias para os que están destinados na propia Comunidade.

Esta anulación, segundo o texto da propia Resolución do 13 de xuño de 2012, lévase a cabo "co obxectivo de cumpri-la normativa en materia de estabilidade orzamentaria e déficit público".

Para CC.OO a Resolución por vostede asinada vai provocar un prexuízo irreparable a todos os traballadores que están destinados fóra de Galicia, demostra un desprezo absoluto á negociación colectiva e utiliza a coartada da crise para recortar o dereito á formación aos traballadores e a obriga da administración de impartila e demostra unha falta de previsión absoluta por parte de á EGAP polos seguintes motivos:

- Moitos traballadores verán eliminadas as posibilidades de obter unha praza no próximo concurso de traslado, pois cada curso de Lingüaxe Xurídica puntúa 4 puntos, que equivalen para os efectos de concurso de traslado a 2 anos de antigüidade.
O elevado número de galegos destinado fóra da Comunidade unido ao baixo número de prazas vacantes existentes fan que estes 2 anos de antigüidade sexan esenciais para conseguir unha praza.

- O atraso na obtención dalgunha praza a través do Concurso de Traslado impedirá a Conciliación da Vida Laboral e Familiar a moitos traballadores e un grave prexuízo económico.

- Non é comprensible e moito menos xustificable que se convoquen, o que significa que están presupostados, cursos de Linguaxe Xurídico no mes de maio e un mes despois se publique unha resolución argumentado que non hai presuposto.

- Dubidamos que o aforro en cursos de formación on-line, onde o único gasto son os titores, pois non hai aulas nin material e os temarios xa están preparados do ano pasado, poida provocar un aforro brutal e imprescindible para a supervivencia da Xunta de Galicia.

Dende CC.OO consideramos a anulación destes cursos o suficientemente grave como para que vostede convocase a Mesa de Formación, legalmente constituída para informar da intención da Administración.

Solicitamos que reconsidere a súa decisión para evitar o grave prexuízo que se provocara na súa vida profesional e familiar de moitos traballadores, sobre todo se temos en conta que os cursos anulados son de teleformación e os seus custos son moi baixos fronte aos beneficios que se poderían alcanzar.
Vigo, 19 de xuño de 2012

Fdo. Pablo Valeiras Rios
Responsable do Sector de Xustiza de Galicia