Presentación electrónica de permisos sen xustificación e vacacións


2 feb 2012






02-02-2012. A Dirección Xeral de Xustiza remitiunos a seguinte comunicación



Novo módulo da aplicación informática

Dende a subdirección xeral de persoal da Administración de Xustiza, poñemos no voso coñecemento que durante a primeira quincena deste mes de febreiro se porá en marcha un novo módulo da aplicación informática de Xustiza que permitirá a creación, xestión e presentación electrónica de solicitudes de permisos e vacacións. Esta nova opción permite eliminar o uso do papel no total da tramitación destas peticións, sendo electrónica tanto a sinatura como a presentación en todos os seus trámites. Para poder cursar as peticións electrónicamente, é preciso posuir un certificado dixital admitido pola SEDE electrónica da Xunta de Galicia que agora mesmo son o DNI electrónico ou un certificado dixital da FNMT. As solicitudes realizadas polos/as funcionarios/as, irán do buzón persoal ao do director funcional, e deste, ao xestor do servizo de Xustiza correspondente, sendo visible en todo momento o estado de tramitación de cada unha das peticións.

Polo momento, e mentres non se complete o reparto das novas tarxetas identificativas do persoal ao servizo da Administración de Xustiza que levarán incorporado un certificado dixital de empregado público co que tamén se poderán realizar as peticións, seguirán convivindo as dúas vías de solicitude, é dicir, a manual e a electrónica, pero na medida do posible, esta Dirección Xeral, nun intento de axilización, transparencia e economía na tramitación de cantas xestións se xeneran na vida administrativa do persoal ao seu servizo, solicita o emprego das novas ferramentas, buscando ao mesmo tempo, unha maior familiarización de todos os usuarios co Portal do empregado público, posto que pouco a pouco se intentará que esta sexa a primeira canle de comunicación entre persoal e administración. Cando a distribución das novas tarxetas se complete, informarase do fin da posibilidade de presentación manual deste tipo de solicitudes.

Os servizos de Xustiza de cada unha das delelegacións territoriais seguen a ser os competentes para a tramitación das solicitudes, e deberase remitir calquera dúbida sobre o funcionamento da nova ferramenta a estes. Hoxe mesmo publicaremos esta información na Intranet xudicial para o coñecemento de todo o persoal.



Descarga de arquivo:

- Guía solicitudes electrónicas