CCOO reclámalle á DXX a inmediata solución aos problemas de limpeza no xulgado de Oleiros


26 ene 2012



Escrito remitido á Dirección Xeral de Xustiza




Ana Gálvez Marquina, delegada de saúde laboral do sector de Xustiza de Comisións Obreiras, con domicilio para os efectos de notificación no local sindical do edificio dos Xulgados de Pontevedra, A Parda, 

Expón:

O obxecto deste escrito é denunciar a falta de limpeza nas oficinas do Xulgado de Paz de Oleiros dende hai xa catro me-ses, concretamente dende o mes de setembro, data na que se xubilou a limpadora do mesmo, sen que ata o momento persoa algunha realice esa función

Esta limpadora era persoal laboral da Xunta polo que se convocou un concurso entre empresas de limpeza para asumir dita tarefa, pero parece que coa escusa da crise alguén pensou que poderían aforrarse ese gasto "e decidiron votar atrás ao concurso dicindo que lle correspondía o Concello asumilo, aínda que as propostas das empresas que acudían o concurso eran sumamente vantaxosas, en ningún caso supoñía nin sequera o mesmo gasto que antes estaban a asumir. O Concello pola contra manifestou que a súa función no que atinxe o mantemento do Xulgado de Paz , non incluía este servizo , dado que paga tódolos demais gastos: luz, auga, teléfono, produtos de limpeza ....” E nesa estamos, os meses pasando e os funcionarios que traballan alí, rodeados. de lixo por todas partes, nunha situación cada vez mais insostible, tamén de cara a cidadanía que pasa a diario por estas instalacións.

Estamos a falar dun Xulgado que abarca a unha poboación de 35.000 persoas, cunha media de atención diaria de 50 persoas . O segundo Xulgado de Paz en volume de traballo de Galiza. O que obviamente supón mais necesidade, se cabe, de limpeza. 

O Real Decreto 486/97 sobre Disposicións Mínimas de Seguridades e Saúde nos lugares de traballo, dispón, no seu artigo 7, que a exposición ás condicións ambientais dos lugares de traballo, non deberá supoñer un risco para a saúde dos traballadores. A Lei 31/1995 de 8 de novembro de Prevención de Riscos Laborais, dispón no seu artigo 4.2 que se entenderá por risco laboral a posibilidade de que un traballador sufra un determinado dano derivado do traballo. O art. 4.3 dispón que se considerará danos derivados do traballo, as enfermidades, patoloxías ou lesións sufridas con motivo ou ocasión do traballo. O artigo 14.1 da mesma lei dispón que os traballadores teñen dereito a una protección eficaz en materia de seguridade e saúde no traballo e que o citado dereito supón a existencia dun correlativo deber do empresario de protección dos traballadores fronte aos riscos laborais. Este deber de protección, constitúe, igualmente, un deber das Administracións Públicas respecto do persoal ao seu servizo.

Neste caso estase obviando este deber ao permitir que uns traballadores , cos mesmos dereitos que os demais, acudan cada dia o seu lugar de traballo nunhas condicións penosas, e insostibles , o que supón ademais unha falta absoluta de res-pecto polo seu traballo, pois a importancia do entorno no que se desenrola este e fundamental na calidade do mesmo.

Por todo isto esiximos a solución inmediata deste problema de hixiene, non podéndose demorar mais no tempo, dada a gravidade que podería ter para a saúde dos traballadores o mantemento desta situación. No caso de non obter solución verémonos obrigados a presentar a correspondente denuncia ante a Inspección de Traballo.

Fdo. Ana Gálvez Marquina

Delegada Saude Laboral sector Xustiza CCOO