Formación: Cursos de linguaxe xurídica galega (niveis medio e superior)


1 ago 2011


No Diario Oficial de Galicia número 146, do 1 de agosto de 2011, publicouse a Resolución da Escola Galega de Administración Pública, do 22 de xullo de 2011, pola que se convocan cursos de linguaxe xurídica galega (niveis medio e superior) para persoal ao servizo da Administración de xustiza e outros colectivos relacionados coa xustiza.
Publicado no Diario Oficial de Galicia do 1 de agosto




Escola Galega de Administración Pública



Texto da Resolución

RESOLUCIÓN do 22 de xullo de 2011 pola que se convocan cursos de linguaxe xurídica galega (niveis medio e superior) para persoal ao servizo da Administración de xustiza e outros colectivos relacionados coa xustiza.

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, ao abeiro do disposto na Constitución española e no Estatuto de autonomía de Galicia, establece que o galego é lingua oficial das institucións da comunidade autónoma. En consecuencia con isto, recoñéceselles aos cidadáns o dereito de usalo, oralmente e por escrito, nas súas relacións coa Administración de xustiza. Ademais, para facer efectivo ese dereito, encoméndaselles aos poderes públicos autonómicos que vaian capacitando progresivamente no uso do galego o persoal que traballa ao servizo da Administración de xustiza.

Entre as funcións e competencias da Secretaría Xeral de Política Lingüística figura a promoción e o ensino da lingua galega, concretados, ademais de noutros campos, na coordinación de formación de lingua galega dirixidos, entre outros colectivos, aos funcionarios públicos. A capacitación lingüística en galego do persoal ao servizo das administracións públicas de Galicia tamén é un dos fins da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), segundo o establece a Lei 4/1987.

O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia o día 22 de setembro de 2004, contén, entre outras, varias medidas dirixidas á Administración e encamiñadas a renovar a política lingüística con respecto ao uso do galego, adecuándoa aos tempos actuais, co fin de equilibrar unha situación social de desigualdade entre os dous idiomas, o que exixe medidas favorables ao galego para acadar ese equilibrio. A estrutura e o contido destes cursos regúlaos a Orde do 13 de xuño de 2011 (DOG n.º 121, do 24 de xuño).

Con esta finalidade, a Xunta de Galicia elaborou un plan integral de estudos destinado aos funcionarios e persoal laboral que presten os seus servizos nos órganos galegos da Administración de xustiza de Galicia (notarios, rexistradores da propiedade, avogados, procuradores e alumnos da Escola de Práctica Xurídica), do que forman parte os cursos medio e superior de linguaxe xurídica galega.

Para levar a cabo o anteriormente exposto asinouse, con data do 11 de marzo, un acordo de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a EGAP no cal se establecen as condicións para potenciar actividades de normalización do uso do galego na Administración de xustiza especialmente no campo da formación do persoal ao servizo da Administración de Xustiza.

Unha das actividades recollidas nos devanditos acordos trata da convocatoria de cursos de formación de linguaxe xurídica galega dirixida os colectivos antes indicados.

Por todo isto,

RESOLVO:

Convocar en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística cursos de formación de linguaxe xurídica galega para o ano 2011 cuxas bases, características e contido son detallados no anexo desta resolución.

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2011.

Pablo Figueroa Dorrego
Director da Escola Galega de Administración Pública

Anexo

Primeira. Obxecto.

Co obxecto de impulsar a normalización lingüística na Administración de xustiza, e en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convócanse os cursos de linguaxe xurídica galega, nivel medio na modalidade de teleformación (tres edicións) e nivel superior na modalidade presencial (tres edicións).

O número de prazas por curso será de 30 tanto para a modalidade presencial como para a modalidade de teleformación.

Os cursos impartiranse segundo se indica a continuación:

Curso de linguaxe xurídica galega de nivel medio
Localidade
Datas
Horario
Horas
TF
5.9.2011 ao 11.11.2011
Teleformación
75
TF
5.9.2011 ao 11.11.2011
Teleformación
75
TF
5.9.2011 ao 11.11.2011
Teleformación
75

Curso de linguaxe xurídica galega de nivel superior
Localidade
Datas
Horario
Horas
A Coruña
19.9.2011 ao 14.11.2011
17.00 - 19.00
75
Vigo
19.9.2011 ao 14.11.2011
17.00 - 19.00
75
Santiago de Compostela
19.9.2011 ao 14.11.2011
17.00 - 19.00
75

Segunda. Requisitos dos participantes.

a) Os cursos van dirixidos a xuíces, maxistrados, fiscais, secretarios xudiciais, médicos forenses, funcionarios dos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza e persoal laboral con destino nos órganos xudiciais da Comunidade Autónoma de Galicia; a letrados da Xunta de Galicia; a notarios, rexistradores da propiedade, avogados, procuradores e alumnos da Escola de Práctica Xurídica de Galicia; a profesores de linguaxe de signos e persoas incluídas nas bolsas de traballo para o nomeamento de funcionarios interinos da Administración de xustiza; así como tamén a aquelas persoas que acrediten ter superado o proceso selectivo para o ingreso nos corpos xerais ao servizo da Administración de xustiza.

Toda persoa solicitante que ao inicio do curso se atope en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da listaxe do persoal seleccionado.

b) Para acceder a estes cursos é necesario cumprir, na data de publicación desta resolución, os requisitos que a continuación se indican:

– Curso de linguaxe xurídica de nivel medio: para poder acceder ao curso é necesario ter aprobados ou validado algún destes cursos: o Celga 4, os cursos de iniciación e perfeccionamento de lingua galega, o curso básico de linguaxe administrativa galega, o curso básico de linguaxe xurídica ou o curso básico de linguaxe administrativa sanitaria.

– Curso de linguaxe xurídica de nivel superior: para poder acceder ao curso é necesario ter aprobado un destes cursos: o curso medio de linguaxe xurídica galega, o curso medio de linguaxe administrativa galega ou calquera dos cursos equivalentes a estes que se establecen no punto 2 do artigo 5 da Orde do 13 de xuño de 2011 pola que se regulan os cursos de linguaxe administrativa e xurídica galegas (DOG n.º 121, do 24 de xuño).

Terceira. Solicitudes.

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da EGAP http://egap.xunta.es, de acordo co disposto na base 4.ª desta resolución; non serán admisibles outros modelos de solicitude.

Só se poderá solicitar unha edición por persoa.

b) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

c) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, non se axusten ao formulario de solicitude ou sexan presentadas fóra de prazo.

d) As persoas solicitantes de cursos de linguaxe xurídica galega nivel medio que se impartan na modalidade de teleformación deberán dispor dun equipamento informático que cumpra os seguintes requisitos técnicos:

– Ordenador con conexión á internet.

– Calquera navegador web co plugin de flash.

– Conta de correo electrónico especificada na solicitude.

e) As solicitudes cubertas adecuadamente entenderanse presentadas na EGAP no enderezo da internet http://egap.xunta.es/matrícula unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación. Xunto co formulario de solicitude achegarase fotocopia compulsada do certificado que acredite ter superado o curso exixido para acceder ao nivel que se solicita, e, de ser o caso, certificado de estar colexiado como avogado ou procurador ou de estar matriculado nunha escola de práctica xurídica. Para os intérpretes de linguaxe de signos exixirase unha certificación da Federación de Xordos que acredite a intervención habitual do solicitante como intérprete nos xulgados ou tribunais, nas notarías ou nos rexistros da propiedade ou mercantís.

Con respecto ás persoas incluídas nas bolsas de traballo para postos dos corpos de xestión, de tramitación procesual e de auxilio xudicial da Administración de xustiza que non estean actualmente a traballar como interinos, corresponderalle ao xefe/a de servizo de Xustiza das correspondentes delegacións territoriais da Xunta de Galicia certificar que se atopan incluídas na bolsa correspondente.

Esta documentación e a complementaria que os interesados necesiten presentar para acreditar circunstancias específicas de acordo cos criterios de selección, poderán remitila á EGAP, cunha copia do formulario de matrícula, á EGAP e por fax ao número 981 54 63 39 ou correo electrónico ao enderezo xestion.egap@xunta.es, sen prexuízo do dereito á presentación de acordo co disposto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. A devandita documentación deberá presentarse dentro do prazo a que fai referencia a alínea g) da presente base.

f) Deberá utilizarse exclusivamente unha das modalidades de remisión. No caso de atoparse varias solicitudes dunha mesma persoa só serán considerados os datos achegados a través da internet.

g) O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días naturais desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

h) Non está permitida a realización de cursos que teñan simultaneidade de horarios nunha ou varias sesións presenciais das actividades. Cando un alumno teña coñecemento de que foi seleccionado para un curso que teña coincidencia horaria con outro ao que xa foi seleccionado debe renunciar a un deles. No caso de que se comprobe con posterioridade a realización simultánea de varias actividades, non se expedirá certificación de ningunha delas, e o alumno non poderá participar noutros cursos durante o prazo dun ano desde que se detecte este feito.

Cuarta. Formulario normalizado de solicitude.

a) Os formularios de solicitude aos cales se refire a base anterior serán obtidos e cubertos pola persoa solicitante necesariamente a través da aplicación informática de matrícula en liña da Escola Galega de Administración Pública, que poden encontrar no enderezo da internet http://egap.xunta.es/matricula

b) Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes.

c) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos ata as 14.00 horas da data de finalización dos prazos de presentación de solicitudes.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á EGAP a través do número de teléfono 981 54 62 57/981 54 62 46, o fax: 981 54 63 39 ou enderezo de correo electrónico xestion.egap@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

Quinta. Criterios de selección.

a) Dado que o contido do curso ten relación directa con todos os postos de traballo, aplicaranse os criterios establecidos con carácter xeral na Resolución da Escola Galega de Administración Pública do 4 de xaneiro de 2008 (DOG n.º 7, do 10 de xaneiro).

O baremo que se empregará para a selección establécese sobre unha base de 100 puntos, dos cales o 60% estará vinculado ao número de horas de formación recibidas nos últimos dous anos e o 40% restante á antigüidade na Administración.

De haber empate, desfarase de acordo co resultado do sorteo a que se refire o artigo 9 do Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo.

Terá preferencia na selección efectuada para cada unha das localidades programadas o persoal que teña o seu posto de traballo nelas.

b) No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que cumpran os requisitos nalgún curso, poderá completarse o número de alumnos asignados a eles mediante a apertura dun novo prazo público na páxina web da EGAP, con suficiente antelación para que teña lugar unha adecuada selección das novas persoas candidatas.

c) Para os cursos de nivel medio quedarán excluídas aquelas persoas que estean en posesión da certificación ou diploma dos cursos equivalentes (de linguaxe administrativa, cursos de linguaxe xurídica galega e cursos de linguaxe xurídica galega para asesores xurídicos da Xunta de Galicia) expedidos pola Escola Galega de Administración Pública ou homologados pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, ou por calquera dos certificados a que se refire a Orde do 13 de xuño de 2011 (DOG n.º 121, do 24 de xuño).

Sexta. Publicación das relacións do persoal seleccionado.

a) A EGAP publicará no taboleiro de anuncios da páxina web da EGAP www.egap.xunta es unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas. Ademais, para unha maior difusión serán informados da súa selección a través do correo electrónico e mensaxaría telefónica aqueles que faciliten os seus datos na solicitude. As persoas que non figuren na relación, ou ben non foron seleccionadas, polo que ocupan un posto máis afastado na lista de reservas, ou ben foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6 b da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) Unha vez efectuada a programación dos cursos, a EGAP comunicarao á Secretaría Xeral de Política Lingüística para a designación de profesorado e para a inclusión da programación na información sobre cursos de galego que se publica na web www.xunta.es/linguagalega

c) O persoal seleccionado só poderá renunciar ao curso por causa de forza maior suficientemente xustificada, necesidade do servizo ou outras causas xustificadas sempre que así se acredite documentalmente pola persoa responsable do departamento administrativo en que desenvolva o seu labor ou a través dun documento que acredite o feito alegado.

A renuncia debe ser comunicada por escrito á EGAP, mediante o modelo de renuncia que se publicará na páxina web da EGAP, cunha antelación de tres días hábiles anteriores ao inicio do curso co fin de cubrir a vacante. A renuncia non xustificada ou non acreditada documentalmente a causa que a produce, suporá a exclusión do seleccionado nas convocatorias do ano seguinte, de acordo co disposto na Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola cal se fan públicos os criterios de participación nas actividades docentes da Escola Galega de Administración Pública.

d) A persoa seleccionada deberá comunicarlle á persoa responsable do seu centro directivo a selección na actividade en caso de coincidir co horario de traballo, pois neste suposto deberá contar coa súa autorización, que terá que presentarlle ao comezo do curso ao responsable da actividade formativa ou á EGAP. Por necesidades do servizo ou causas debidamente motivadas poderá negarse a asistencia ao curso, circunstancia que debe ser comunicada á EGAP.

e) Non serán admitidos en ningún caso cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

Sétima. Contido.

a) Os cursos de linguaxe xurídica de nivel medio terán unha duración de 75 horas lectivas.O contido do programa figura no anexo III da Orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 13 de xuño de 2011.

b) Os cursos de linguaxe xurídica de nivel superior terán unha duración de 75 horas lectivas. O programa será o que figura no anexo IV da Orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 13 de xuño de 2011.

c) A asistencia ás clases é obrigatoria. A ausencia, sempre xustificada, de cada un dos asistentes non poderá ser superior ao 10% da duración total do curso.
d) Durante a celebración das actividades formativas levarase un control permanente de asistencias a través dos sistemas que se establezan para o efecto e, así mesmo, constarán como incidencia as ausencias dentro de cada sesión. Isto implica que o persoal que participe nos cursos terá que anotar a hora de chegada ou saída, no caso de facelo durante a duración oficial do curso, para poder acreditar o tempo que faltou. De non facelo así e de realizarse un control de asistencia extraordinario, perderá o dereito a recibir o certificado.

Oitava. Avaliación e certificación dos cursos.

O sistema de avaliación de todos os cursos basearase no principio de avaliación continua. En calquera caso é obrigatorio:

a) Nos cursos presenciais:

– A realización de cinco traballos ou exercicios feitos nas aulas durante os cursos.

– A entrega dun traballo final feito fóra das aulas polo alumnos.Para os cursos medios a extensión mínima do traballo é de 5 páxinas , e para os superiores de 8 páxinas.Os traballos constarán das seguintes partes: un ou varios documentos orixinais; a corrección ou, se é o caso, a tradución mellorada dese documento; un comentario razoado dos cambios introducidos.

– Unha proba final.

b) Nos cursos en liña:

– A realización das prácticas establecidas na plataforma.

– A entrega de dez tarefas propostas polos /as titores/ as.

– Unha proba final de carácter presencial.

Novena. Profesorado.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística designará o profesorado encargado de impartir os cursos entre as persoas que figuren na lista de profesorado colaborador para impartir cursos de galego da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que acreditasen ser licenciadas en filoloxía galega ou filoloxía hispánica, sección de galego-portugués, que sexan demandantes de emprego e que teñan superados os cursos de formación do profesorado de linguaxe administrativa galega impartidos pola citada secretaría xeral. Todo iso sen prexuízo de que, se, de forma excepcional, teñen que impartir algún curso profesoras ou profesores que sexan funcionarios, estarán obrigados ao cumprimento da normativa específica sobre o réxime de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas (Lei 53/1984 e Real decreto 598/1985, do 30 de abril, sobre incompatibilidades).

Décima. Normativa aplicable.

Todas as actividades que se realicen nestes cursos faranse en galego e ateranse, no tocante á normativa e ao uso correcto do idioma (tal e como determina a disposición adicional da Lei 3/1983, de normalización lingüística), ao establecido pola Real Academia Galega na sesión plenaria do 12 de xullo do ano 2003. Do mesmo xeito acordarase especialmente do respecto rigoroso da toponimia oficial nos temas previstos no artigo 10 da citada Lei.

Décimo primeira. Incidencias.

a) A EGAP e a Secretaría Xeral de Política Lingüística resolverán aquelas incidencias que poidan producirse no desenvolvemento e a xestión dos cursos, e poderán suprimir algún, ampliar novas edicións da programación ou programar outros cursos diferentes cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia. Correspóndelle á EGAP en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística prover canto sexa necesario para a execución e cumprimento desta resolución.

b) A EGAP e a Secretaría Xeral de Política Lingüística poderán modificar o desenvolvemento e os contidos dos cursos, as datas e os lugares, así como todas as continxencias que poidan xurdir.
c) No suposto de que o número de admitidos sexa inferior ao 50% das prazas convocadas, a EGAP e a Secretaría Xeral de Política Lingüística reservan para si o dereito a suspender, cancelar ou agrupar varias edicións das actividades, caso en que empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

d) A execución material das accións queda condicionada á existencia de crédito orzamentario adecuado e dispoñible e á autorización correspondente do gasto.