No Diario Oficial de Galicia número 141, do 22 de xullo, publícase a Orde do 18 de xullo de 2011 pola que se regulan as axudas económicas para atención da primeira infancia en escolas infantís 0-3 non sostidas con fondos públicos adheridas ao Programa de cheque infantil e se procede á súa convocatoria.
Publicado no Diario Oficial de Galicia do 22 de xullo
Consellería de Traballo e Benestar
Nota informativa da Xunta de Galicia
O DOG publica hoxe a convocatoria de axudas do ‘Cheque infantil’ para o financiamento de preto de 1.200 prazas para nenos de 0 a 3 anos
A Consellería de Traballo e Benestar investirá máis de 1,5 millóns de euros, o que permitirá cubrir total ou parcialmente, segundo a renda dos solicitantes, o custo de prazas que non son de carácter público
A orde de axudas vai dirixida a aqueles nais e pais que solicitaron praza nun centro público e non resultaron adxudicatarios, así como aos habitantes das localidades onde non existe ningunha escola infantil de titularidade pública
No comezo do próximo curso escolar, en setembro de 2011, haberá dispoñibles máis de 7.500 prazas de titularidade da Xunta, o que supón un 10 por cento máis de prazas que en setembro de 2010
Santiago, 22 de xullo de 2011.- A Xunta investirá máis de 1,5 millóns de euros en financiar aproximadamente entre 1.000 e 1.200 prazas en escolas infantís para nenos de 0 a 3 anos, o que permitirá cubrir total ou parcialmente o custo das mesmas, segundo a renda dos solicitantes, en centros que non son de carácter público.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou hoxe esta orde de axudas, que abrangue o curso 2011-2012. Estímase que o número de beneficiarios deste ano será similar a do curso pasado (1.221), aínda que a cifra varía en función da renda dos adxudicatarios. Os interesados terán de prazo ata o próximo 22 de agosto para facer a súa solicitude.
Estas subvencións están dirixidas a aqueles nais e pais que solicitaron praza nunha escola pública e que non resultaron beneficiarios, sempre que exercesen a opción polo cheque infantil no procedemento de solicitude das prazas. Tamén está destinada ás persoas que teñen ao cargo a un neno ou nena de 0 a 3 anos en localidades onde non existen escolas infantís sostidas con fondos públicos.
Ademais, co fin de dar continuidade ás prazas adxudicadas no cursos 2010/2011, terán preferencia aquelas persoas que tiveran concedida esta axuda durante o curso pasado. De feito, garántese que continuarán con cheque infantil aquelas familias que foron adxudicatarias no pasado curso sempre que cumpran os requisitos establecidos na orde.
Incremento de prazas
Esta orde responde a un dos obxectivos da Xunta de Galicia de ampliar a cobertura das prazas en escolas infantís. Neste sentido, é preciso destacar que o Goberno galego prevé crear un total de 4.500 novas prazas durante a lexislatura co obxectivo de acadar en 2013 a ratio do 33 por cento de cobertura de prazas en escolas de 0 a 3 anos recomendada pola Unión Europea. As prazas en escolas infantís incrementáronse desde 2009 en máis de 2.000 e este ano prevese crear outras 1.000 máis.
No inicio do curso escolar, en setembro de 2011, haberá dispoñibles máis de 7.500 prazas baixo a titularidade da Xunta de Galicia, que superan en aproximadamente un 10 por cento máis ás máis de 6.800 que había en setembro do curso pasado. Si se teñen en conta o resto de prazas sostidas con fondos públicos para o curso 2011-2012, estas ascenden a máis de 16.300.
A adxudicación das axudas do cheque infantil realizarase mediante un baremo similar ao das escolas públicas. A axuda materializarase en cheques nominais emitidos a favor dos beneficiarios, que deben entregar ao centro prestador como pagamento.
Deste xeito, poderán subvencionarse prazas en modalidade de asistencia, de asistencia con comedor e en horario de tarde.