Máis arbitrariedade, menos xustiza


2 may 2011


Un artigo de Xoán Antón Pérez Lema publicado en www.elcorreogallego.es

O GOBERNO DO ESTADO vén de propór unha reforma procesual que imporá o principio de vencemento obxectivo no que atinxe ás custas dos procesos contencioso-administrativos. Traducido ao galego común, isto suporá que os cidadáns e entidades privadas que perdan os seus recursos xudiciais contra as multas, sancións, plans urbanísticos, acordos expropiatorios e de determinación do xusto prezo, ordes de reposición da legalidade urbanística e demais resolucións administrativas das administracións locais, autonómicas e estatal haberán pagarlles ás devanditas administracións os honorarios dos seus avogados (funcionarios públicos na meirande parte dos casos). Tanto na vixente lei, promulgada no 1998, canto na lei anterior, os cidadáns e entidades privadas só pagaban no suposto de manifesta temeridade ou mala fe nos argumentos do recurso .

O retroceso democrático, xa que logo, vai ser moi subs- tancial. Moitos cidadáns sometéranse ao criterio (moitas veces erróneo) das administracións e renunciarán ao recurso xudicial por medo a ter que lles aboar as custas procesuais. Medrarán en gran medida as áreas de exención de control administrativo, o que ampliará a arbitrariedade dos poderes públicos. Seremos máis súbditos e menos cidadáns.

A proxectada reforma é moito máis grave en termos de calidade democrática por varias razóns adicionais. Entre elas a gran diferenza entre cidadáns e Administración canto ás armas procesuais e a dispoñibilidade de probas. Tamén por se propór nunha conxuntura de gravísima recesión económica, que incrementa por tendencia administrativa natural as exaccións e liquidacións tributarias discutíbeis en prexuízo das empresas e cidadáns.

Mágoa que xurda esta proposta dende un Ministerio gobernado por dous galegos da elevada formación xurídica e sensibilidade democrática do ministro Caamaño e da subsecretaria, Purificación Morandeira. Mais aínda están a tempo de retirar este despropósito.

Enlace permanente