CCOO esixe a convocatoria dunha Mesa Sectorial para negociar a "acción social"


31 may 2011


Escrito remitido á Dirección Xeral de Xustiza



O pasado día 26 de maio de 2011 tivo lugar a Mesa Sectorial de Xustiza, entre os puntos da orde do día encontrábase a Acción Social para o ano 2012.

Na Mesa entregóusenos a todos os Sindicatos o borrador da Acción Social para os anos 2012 e deuse unha pequena explicación dos programas.

Dende CCOO manifestamos que as cantidades destinadas á Acción Social eran absolutamente ridículas e que a Administración unha vez máis incumpría o seu compromiso de ir aumentando as cantidades ata alcanzar o 1% da masa salarial, para conseguir con iso equipararnos con outras Administracións e sobre todo para evitar a convivencia de funcionarios de primeira, segunda e outros que non teñen nin cualificación.

Todo iso non é óbice para que consideremos imprescindible a convocatoria dunha Mesa especifica sobre Acción Social onde poidamos "negociar" as contías xenerais da Acción Social, programas, destinatarios, requisitos, etc... e en todo caso que sexa a Administración quen "impoña o seu rolo", circunstancia que como é normal denunciariamos e informariamos ante todos os traballadores.

O que CCOO non está disposta é que o "rolo" se faga vía Diario Oficial de Galicia, obviando os traballadores e a obriga que ten esa Administración de negociar cos seus representantes lexítimos.

Asumir por parte de CCOO que se lexisle vía Diario Oficial de Galicia sería como recoñecer que a Administración pode modificar, coartar, limitar calquera dereito dos traballadores ao seu antoxo.

Dende CCOO esiximos a convocatoria dunha Mesa para negociar a Acción Social, tal e como esixe a Lei ou pola contra impugnaremos a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

30 de maio de 2011

Asdo. Pablo Valeiras Rios
Responsable do Sector de Xustiza de CCOO