Publicado no Diario Oficial de Galicia do 6 de abril
CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA
Versión completa da disposición nun ou varios arquivos pdf: - 06800D013P125.PDF
Resolución do 22 de marzo de 2011, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se fai pública a relación de prazas correspondentes ao ámbito de Galicia que se lles ofrecen aos aspirantes aprobados nas probas selectivas para o ingreso no corpo de xestión procesual e administrativa da Administración de xustiza, quenda libre, convocadas pola Orde JUS/3338/2008, do 10 de novembro, do Ministerio de Xustiza.
De conformidade co establecido na base décimo quinta da Orde JUS/2544/2006 do Ministerio de Xustiza, do 28 de xullo, pola que se establecen as bases comúns que rexerán os procesos selectivos para ingreso ou acceso nos corpos e escalas de funcionarios ao servizo da Administración de xustiza (Boletín Oficial del Estado, do 3 de agosto de 2006), esta dirección xeral
RESOLVE:
Primeiro.-Facer pública a relación de prazas desertas no ámbito territorial de Galicia (anexo I) que se lles ofrecen aos aspirantes que superaron o proceso selectivo para ingreso polo sistema xeral libre no corpo de xestión procesual e administrativa convocado pola Orde JUS/3338/2008, do 10 de novembro.
Segundo.-As solicitudes de destino dos aspirantes deste ámbito dirixiranse á Dirección Xeral de Xustiza, Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e presentaranse no prazo de dez días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Boletín Oficial del Estado, se non é simultánea coa publicación no Diario Oficial de Galicia, en:
a) As oficinas de rexistro da Xunta de Galicia: Rexistro Único en San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela ou nas distintas localidades.
b) As subdelegacións do Goberno da Administración xeral do Estado, ou en calquera dos órganos ou oficinas previstos no artigo 38º.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Terceiro.-As solicitudes formalizaranse segundo o modelo que aparece como anexo II desta resolución, relacionando todas as prazas, segundo preferencia, e indicando o órgano xudicial, a localidade e a provincia.
Cuarto.-Unha vez finalizado o curso selectivo e o período de prácticas e sumadas estas puntuacións á da fase de concurso-oposición, procederase á adxudicación segundo a orde obtida en todo o proceso selectivo.
Quinto.-Ningún aspirante poderá anular nin modificar a súa solicitude unha vez rematado o prazo de presentación destas.
Sexto.-De non formular solicitude de prazas ou non lle corresponder ningunha das solicitadas, procederase a destinalo, con carácter forzoso, a calquera das prazas non adxudicadas.
Sétimo.-A adxudicación dos destinos farase con carácter forzoso, de acordo coa orde de puntuación obtida nas probas selectivas no ámbito de Galicia.
Oitavo.-Os destinos adxudicados terán carácter definitivo, equivalente para todos os efectos aos obtidos por concurso, sen que poidan participar neste ata tanto non transcorran dous anos desde a data da resolución na que se lles adxudique destino definitivo. Para o cómputo dos dous anos estarase ao establecido no parágrafo segundo do artigo 529º.3 da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial.
Contra esta resolución poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes, ante o director xeral de Xustiza, ou contencioso-administrativo ante os xulgados competentes, no prazo de dous meses, a partir do día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial del Estado.
Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2011.
Juan José Martín Álvarez
Director xeral de Xustiza
Ver referencia pdf "06800D013P125.PDF"