Nota informativa de CCOO de Xustiza
Onte, 14 de abril, celebrouse na sede da EGAP en Santiago a segunda reunión da Mesa de Formación para negociar o plan de formación proposto pola Administración na reunión celebrada o pasado 6 de abril. Este plan fora rexeitado previamente por todas as organizacións sindicais ao non presentar a Administración os orzamentos previstos para a formación do ano 2011 nin presentar os resultados das avaliacións da formación realizada en 2010, tal e como se comprometeran o pasado ano.
Na reunión celebrada o día 14, e dada a falta de tempo para realizar o plan formativo do ano 2011, as organizacións sindicais acordaron non opoñerse, arrancándolle a Administración o compromiso da convocatoria para o vindeiro 7 de xuño de 2011 dunha mesa para achegar as propostas das organizacións sindicais e da Administración para facer una proposta consensuada do Plan de Formación para o ano 2012, acorde coas necesidades reais da administración de Xustiza.
Aceptouse pola Admón., a petición de CCOO, que na vindeira convocatoria do Plan de Formación. se recolla de maneira expresa, e así evitar que ningún traballador titular ou interino se quede sen poder participar na formación, que poden solicitar os cursos con independencia de que se atopen traballando ou non no momento da convocatoria.
CCOO solicitou a Administración a descentralización das localidades de exame (tal como se conseguiu finalmente o ano pasado, xa que nun principio Ferrol fora excluída). Tamén solicitamos que se cumpra o acordo Dirección Xeral.-Sindicatos que garante que tanto os titores dos cursos como os profesores, sempre que teñen os requisitos esixidos, sexan funcionarios da Administración. de Xustiza.
A preguntas de CCOO sobre a posibilidade de inscribirse como profesor-titor na base de datos de formadores da EGAP, o Secretario Xeral manifestou que o prazo para inscribirse está sempre aberto no enlace da páxina da EGAP https://egap.xunta.es/rexistroFormadores/. Por iso aconsellamos que todo aquel que estea interesado en ser profesor-titor se apunte canto antes, pola carencia de profesores con coñecementos en teleformación
CCOO, demandou a creación da figura do titor para aqueles funcionarios titulares que teñan un cambio de destino que leve implicado un cambio de xurisdición, manifestando a Administración que estudiaría a proposta.
Tamén se informou pola EGAP da convocatoria dos cursos de galego para este ano, 4 edicións de linguaxe xurídica medio (1 para os funcionarios de fóra de Galicia) e 4 de linguaxe xurídica superior (2 para funcionarios de fóra de Galicia) coa novidade de que este ano o curso medio será impartido mediante a modalidade de teleformación durante o mes de setembro; manterase a modalidade presencial durante o verán para os funcionarios que estean fóra de Galicia no curso superior.
Durante os meses de outubro e novembro terán lugar os cursos destinados a Médicos Forenses: "Curso de histopatoloxía para médicos forenses" e "valoración do dano corporal na patoloxía do nocello"