O próximo 10 de marzo celébranse as eleccións para elixir os Delegados e Delegadas que formarán as Xuntas de Persoal provinciais durante os próximos catro anos.
O horario de votación será de 9 a 15 horas.
Para exercer o dereito de voto nas mesas electorais correspondentes disporase dun permiso retribuído polo tempo indispensable para exercitar tal dereito na forma que se establece a seguir, agás os que exerzan o dereito ao voto por correo.
Aos funcionarios que gocen deste permiso poderalles ser exixida unha xustificación da efectividade do acto da votación, que para o efecto solicitarán da súa mesa electoral.
Os que deban exercer o dereito ao voto nunha mesa electoral situada no mesmo local ou edificio onde presten habitualmente os seus servizos ou estean destinados, poderán dispoñer dun permiso de dúas horas continuadas durante a xornada laboral para o acto da votación.
Os que deban exercer o dereito ao voto nunha mesa electoral situada na mesma localidade, pero distinto local ou edificio onde presten habitualmente os seus servizos ou estean destinados, poderán dispoñer dun permiso de tres horas continuadas durante a xornada laboral para o acto da votación.
Os que deban exercer o dereito ao voto nunha mesa electoral situada en localidade distinta da que presten habitualmente os seus servizos ou estean destinados, poderán dispoñer dun permiso de catro horas continuadas durante a xornada laboral para o acto da votación, ou por aquel tempo maior e indispensable nos casos nos que as circunstancias así o impuxesen.
Os compoñentes das mesas e os interventores e apoderados das candidaturas, gozarán dun permiso retribuído de xornada completa no día da votación e dunha redución de cinco horas na xornada de traballo do día inmediatamente posterior.
[Resolución do 15 de febreiro de 2011, da Dirección Xeral de Xustiza, publicada no Diario Oficial de Galicia do 25 de febreiro]