Mesa Sectorial de Xustiza do 20-01-2011


24 ene 2011




Nota informativa de CCOO de Xustiza

O Conselleiro informa que as CCAA transferidas van solicitar ao Ministerio de Xustiza, na próxima Conferencia Sectorial, a transferencia dos xestores, tramitadores e auxilios. Os secretarios xudiciais quedan fóra desta petición.

CCOO vólvelle repetir ao conselleiro que se mobilizará contra calquera transferencia que ataque os DEREITOS recollidos na Lei Orgánica do Poder Xudicial (concurso de traslado en todo o Estado, oferta de emprego público única e convocatoria con carácter anual, estrutura retributiva única, reserva de función para os funcionarios da administración de Xustiza).

Tal e como solicitou CC.OO na carta do pasado día 2 de decembro o director xeral comprometeuse a convocar unha mesa especifica sobre a implantación de Lexnet

Na Mesa Sectorial participou o conselleiro, Alfonso Rueda, a quen CC.OO formulou os seguintes asuntos:

VALORACIÓN REUNIÓN ENTRE AS CCAA CON COMPETENCIAS EN MATERIA DE XUSTIZA

O Conselleiro confirmou que todas as CCAA se puxeron de acordo para solicitar a transferencia do persoal de xustiza, “mantendo o carácter nacional dos corpos”.

CCOO volveulle repetir ao conselleiro, xa o fixéramos por carta o 22-12-2009, que se oporá, coas medidas de presión que sexan necesarias. a calquera transferencia que ataque os dereitos dos traballadores.

PLAN DE INFRAESTRUTURAS

Criticamos a situación na que se atopan moitos edificios xudiciais de Galicia, especialmente o edificio de Ferrol onde os traballadores, como consecuencia da quebra da empresa que realizaba as reformas, están sufrindo un verdadeiro calvario (amoreamento, ascensores bloqueados, falta de saídas de urxencia…). O conselleiro comprometeuse a pór todos os medios para solucionar o problema.

PAGAMENTO DO 4º PUNTO NOS SCNE E NOS SERVIZOS COMUNS DE APOIO DE GALICIA

Explicámoslle ao conselleiro a negativa da Dirección Xeral a pagar o 4º punto aos traballadores dos servizos comúns de apoio e SCNE, incumprindo a sentenza do Tribunal Supremo, o que converte a Galicia na única CCAA que deixa ao redor de 180 traballadores sen cobrar.

O sr. Rueda comprometeuse a estudar o asunto e dar unha resposta nuns días.

POSTURA DA XUNTA DE GALICIA RESPECTO DAS GARDAS DE 24 HORAS NA CIDADE DE VIGO

CCOO preguntoulle ao sr. Rueda pola postura da Xunta con respecto ás gardas de 24 horas na cidade de Vigo, contestando este que “faremos o que diga o CGPJ”.

Esta contestación, o informe desfavorable do fiscal xeral de Estado e a calada do ministro de Xustiza cada vez que se lle pregunta sobre este tema, demostra claramente que nin uns nin outros teñen interese algún en que Galicia teña o seu primeiro xulgado de garda de 24 horas, todo iso a pesar da carga de traballo, estatísticas, informe favorable da fiscalía de Vigo, xunta de xuíces de Vigo, Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, xunta de persoal.