Rexistro Civil de Carballo


16 jun 2009


Xuñm16
CCOO demanda o incremento do cadro de persoal no Rexistro Civil de Carballo

 

 

 

CCOO Galicia70 CCOO de Xustiza denuncia publicamente a situación que está a vivir diariamente o Rexistro Civil de Carballo como consecuencia da insuficiencia do cadro de persoal destinado para a atención deste servizo.

 

 

CCOO de Xustiza denuncia publicamente a situación que está a vivir diariamente o Rexistro Civil de Carballo como consecuencia da insuficiencia do persoal destinado a atención deste servizo.

O Rexistro Civil de Carballo atende a unha poboación de 90.000 habitantes, dos que 30.000 corresponden ao termo municipal de Carballo e o resto aos seis xulgados de paz que dependen del (Cabana de Bergantiños, Coristanco, A Laracha , Laxe, Malpica e Ponteceso). Nas oficinas do Rexistro Civil aténdense diariamente a un mínimo de 50 a 60 persoas.

Non obstante, o servizo conta cunha soa funcionaria polo que materialmente resulta imposible que poda compaxinar as funcións de atención ao público e a tramitación das solicitudes e expedientes, o que está a provocar o colapso deste servizo.

Desta situación ten coñecemento directo a Dirección Xeral de Xustiza que, ata agora, fixo caso omiso das peticións de nomeamento de persoal de reforzo.

A situación do Rexistro Civil de Carballo, común a moitos outros Rexistros Civís de Galicia, é consecuencia do importante incremento de traballo producido nos últimos anos que ten a súa orixe en diversas reformas lexislativas. Así, unha serie de materias de gran complexidade que antes eran competencia do Rexistro Civil Central -as inscricións de nacionalidades por residencia , adopcións internacionais, opcións á nacionalidade, etc,- pasaron a ser tramitadas polos Rexistros Civís dos xulgados de primeira instancia, sen que isto supuxera un aumento dos seus cadros de persoal que non teñen variado dende hai moitos anos. Ademais, a dotación de persoal do Rexistro Civil, como é o caso de Carballo, está suxeita en moitas ocasións ás necesidades de persoal das outras oficinas do xulgado. A escasa consideración que se lle concede ao traballo do Rexistro Civil, converte este nun comodín do xulgado do que depende, que asume este servizo como unha carga, e a consecuencia de todo isto é que a única funcionaria que atende este servizo non poda asumir esta carga de traballo.

Segundo os datos de que dispomos, o volume de traballo incrementouse de tal forma no que vai de ano que xa está a superar o volume de traballo de todo o ano anterior.

Ademais o problema da falta de persoal acentuase nas épocas de vacacións  -verán e Nadal cando os centros de traballo quedan coa metade do cadro de persoal- mentres se duplica a carga de traballo xa que os usuarios aproveitan estas datas para poder tramitar os seus asuntos no Rexistro Civil

Dicir tamén que o Rexistro Civil de Carballo, sendo cabeza do partido xudicial, ten menos persoal no seu rexistro que calquera dos xulgados de paz que del dependen.

Por todo isto, CCOO considera que a Dirección Xeral está, na súa política de persoal, a marxinar sistematicamente aos Rexistros Civís, polo que esixe que, de maneira inmediata, se dote cunha persoa de reforzo a este Rexistro Civil para así poder atender debidamente aos cidadáns.