Rexistro Civil “en liña”


2 mar 2009


Mar02
Informatización dos Rexistros Civís de Ames, Arteixo, Bueu, Guitiriz, Nigrán, Sada e Teo

 

logo_dxx_

Na intranet xudicial publicouse hoxe a seguinte nota informativa:

 

INFORMATIZACIÓN DOS REXISTROS CIVÍS DE AMES, ARTEIXO, BUEU, GUITIRIZ, NIGRÁN, SADA E TEO

 

Esta iniciativa enmárcase dentro do programa Rexistro Civil en Liña, comprendido no Plan Avanza. Para a implantación do programa en Galicia colaboran, ademais do Ministerio de Xustiza, a entidade estatal Red.es e mais a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

A implantación deste sistema nos 270 rexistros civís delegados (isto é, os adscritos aos xulgados de paz) que hai en Galicia será gradual e constitúe a segunda fase dun proceso que pretende non só informatizar os rexistros, senón tamén dixitalizar todas as inscricións de nacemento, matrimonio e defunción desde 1950, segunda fase esta que xa finalizou o pasado mes de decembro nos rexistros civís principais (isto é, os atendidos por maxistrados en réxime de exclusividade A Coruña e Vigo ou por xuíces en réxime de compatibilidade coa función de xulgado de primeira instancia).

En novembro de 2007 o único rexistro civil informatizado a nivel de Galicia era o da Coruña. Entre novembro de 2007 e marzo de 2008 a consellería galega e mais o Ministerio de Xustiza implementaron a informatización non só dos rexistros civís das outras cidades galegas, senón tamén a das 38 vilas cabeceiras de partido xudicial, ata completar así os 45 rexistros civís principais. Para levar a cabo este labor foi preciso que o Ministerio de Xustiza (que mantén a competencia sobre o rexistro civil) dotase de equipamento informático estas oficinas e que a consellería asumise a tarefa de instalar o dito equipamento e de conectalo á rede corporativa da Xunta de Galicia, a través da cal os rexistros enlazan directamente coa aplicación INFOREG 4, residente no Ministerio de Xustiza, onde se almacenan os datos sobre o estado civil de toda a poboación española.

Entre marzo e decembro de 2008 Red.es procedeu a dixitalizar todos os libros de inscricións desde o 1 de xaneiro de 1950 ata a data da informatización. Foron un total de 6.480 libros de inscricións os dixitalizados, que actualmente xa están dispoñibles na aplicación INFOREG 4. Galicia foi das primeiras comunidades autónomas en finalizar este proceso.

Agora iníciase o proceso de informatización dos rexistros civís delegados. Comeza con sete experiencias piloto (que probablemente se ampliarán ata oito para así abranguer tamén un concello da provincia de Ourense, concello que polo de agora aínda non está seleccionado), para as cales o comité de seguimento da implantación do programa en Galicia seleccionou os municipios de Ames, Arteixo, Bueu, Guitiriz, Nigrán, Sada e Teo.

Fases da informatización dos xulgados de paz

O proceso de informatización do resto dos rexistros civís realizarase en dúas fases:

-A primeira fase afectará os rexistros situados en xulgados de paz atendidos por funcionarios da Administración de xustiza, xa que son precisamente os de maior poboación. A dita fase, que está planificada para os meses de abril a xullo de 2009, completarase cando a informatización alcance 74 oficinas delegadas. Narón, Oleiros, Culleredo, Fene, Boiro, Poio, Moaña e outras localidades de máis de quince mil habitantes estarán comprendidas entre as primeiras en recibir os equipos de formación, equipos estes que capacitarán aos funcionarios no uso da aplicación informática do rexistro civil: INFOREG 4.

-A segunda fase, prevista entre setembro de 2009 e outubro de 2010, comprenderá os 196 xulgados de paz restantes: os dos concellos con poboación inferior aos 7.000 habitantes, que están atendidos por secretarios "idóneos" designados pola corporación local.

A seguir desenvolverase a fase de dixitalización de inscricións ata 1950, que lle corresponderá a Red.es.

Rexistros civís bilingues

En Galicia a implantación de INFOREG 4 implicará non só a informatización do rexistro, senón tamén a súa galeguización. INFOREG 4 é unha aplicación multilinguaxe; así pois, a partir do proceso de informatización cada inscrición quedará gravada informaticamente de xeito simultáneo en galego e mais en castelán. A folla de inscrición (que asinan os encargados do rexistro e mais o declarante) imprimirase en galego ou castelán segundo a elección do promotor da inscrición. Deste xeito, as certificacións das inscricións redactadas desde a informatización van estar sempre dispoñibles en calquera das dúas linguas cooficiais.

As inscricións dixitalizadas incorporaranse á INFOREG en formato de imaxe dixital, é dicir, na lingua en que orixinalmente foron redactadas.

Equipamento, formación e soporte informático

Xa desde o pasado verán un total de 55 xulgados de paz conta co equipamento informático e mais coa conexión á rede corporativa precisos para o proceso de informatización. Na actualidade os outros 215 están recibindo equipos de impresión multifuncionais (impresora, fotocopiadora, escáner e fax) e ordenadores de sobremesa fornecidos pola Consellería de Presidencia e por Red.es. Todos estes equipos vanse integrar na rede corporativa da Xunta de Galicia, o cal motivou a realización de traballos de cableamento e mais a contratación de liñas de comunicación por parte da Consellería de Presidencia, quen así mesmo vai completar a dotación mediante o fornecemento dun sistema de fax corporativo para os xulgados de paz.

A formación dos funcionarios destes xulgados de paz foi asumida por Red.es, quen tamén se fará cargo do Centro de Atención aos Usuarios.

Pola súa banda, o Ministerio de Xustiza está realizando os traballos de alta no sistema informático INFOREG dos xulgados de paz galegos, e así mesmo vaise encargar dos traballos de xestión de contas para os usuarios destes órganos. Tamén xestiona, a través da Dirección Xeral do Notariado, ante a Fábrica Nacional de Moeda e Timbre, o fornecemento dos libros de inscricións de argolas, follas móbiles, papel preimpreso e certificacións que se precisan para a informatización destas oficinas.

Modernización da xustiza de paz

A informatización dos rexistros civís delegados, xunto coa dixitalización e a gravación dos libros rexistrais, repercutirá nun funcionamento máis eficaz dos ditos rexistros e vai supoñer a incorporación da xustiza de paz á sociedade da información. Con esta actuación os xulgados de paz, que quedarán conectados en rede co resto da Administración de xustiza galega e mais tamén coa española, poderán iniciar a prestación de servizos telemáticos aos cidadáns. Así mesmo, a integración dos xulgados de paz en rede vailles ofrecer aos cidadáns a posibilidade de accederen aos servizos web postos á súa disposición a través da intranet da Dirección Xeral de Xustiza, así como tamén aos portais do Ministerio de Xustiza e do Consello Xeral do Poder Xudicial; e deste xeito tamén se van asentando as bases para que poidan ser beneficiarios da incorporación progresiva de novos servizos telemáticos.

Servizos web para os cidadáns e as administracións públicas

Coa informatización dos rexistros civís delegados, os cidadáns verán ampliado o número de rexistros civís aos cales lles poden solicitar certificados a través da internet (actualmente están dispoñibles a través da sede electrónica do Ministerio de Xustiza: http://esede.mjusticia.es).

Ademais, distintos organismos das administracións públicas, como a Seguridade Social ou o Instituto Nacional de Estatística, recibirán directamente, vía telemática, a información que na actualidade lles remiten todos e cada un dos xulgados de paz. É o Ministerio de Xustiza quen se encarga actualmente da remisión de forma centralizada desta información, sen necesidade da intervención directa das oficinas do rexistro civil.