Dicionario xurídico galego


26 ene 2009


Xan26
Política Lingüística financia o dicionario xurídico galego que vai elaborar un equipo de lingüistas e profesionais da xustiza

 

 

Publicado en www.xunta.es

 

  • A Xunta de Galicia achega 110.000 euros para financiar os traballos de redacción desta nova publicación, ademais de prestarlles aos seus autores apoio técnico en materia de aspectos lingüísticos e terminolóxicos
  • O dicionario constará dun mínimo de 2000 entradas e da súa elaboración encargarase un equipo de traballo integrado por xuristas especializados nos diferentes ámbitos do dereito e por lingüistas expertos en lexicografía e terminoloxía
  • O principal obxectivo deste proxecto é dotar de recursos en lingua galega os eidos administrativo e xudicial

 

260109dxg A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, presentou hoxe o convenio de colaboración asinado entre a Secretaría Xeral e a Asociación Revista Xurídica Galega (Rexurga) para a elaboración dun Dicionario xurídico galego. No acto tamén participaron o maxistrado do Tribunal Supremo Luciano Varela Castro, en representación de Rexurga, e o coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e responsable do Servizo de Terminoloxía Galega (Termigal), Manuel González.

Marisol López fixo fincapé en que un dos principais obxectivos deste acordo é habilitar as ferramentas necesarias para que os profesionais do ámbito da Xustiza “poidan desenvolver o seu labor diario en galego”. Igualmente, subliñou a importancia que teñen proxectos así para “potenciar e dignificar a nosa lingua e para que esta acade o status que reivindicamos para ela, do mesmo xeito que o reivindicaron persoeiros da talla de Ramón Piñeiro, ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas”.

Mediante este convenio, Política Lingüística achegará, ata o ano 2010, 110.000 euros para a realización das actividades relacionadas coa elaboración desta publicación.

Grupo de traballo
O documento establece as condicións polas que se rexerá a colaboración entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e Rexurga. Esta última entidade comprométese a constituír un grupo de traballo integrado por xuristas especialistas en diferentes ámbitos do dereito e por lingüistas especializados en lexicografía ou terminoloxía. Ademais, Rexurga realizará os traballos previos de deseño do dicionario e recompilará a información necesaria para levalo a cabo.
O dicionario contará cun mínimo de 2000 entradas. Os traballos de elaboración serán supervisados polo Servizo de Terminoloxía Científico-Técnica en lingua galega (Termigal). O volume non só se publicará en papel, senón que se dará a coñecer tamén nas páxinas web das dúas institucións que asinaron o convenio. O dicionario vai dirixido aos profesionais do dereito e do ámbito da xustiza, aos investigadores e ao público en xeral.

Ademais da contribución económica que realizará para o desenvolvemento deste proxecto, Política Lingüística comprométese a facilitarlle a Rexurga apoio e asesoramento técnico en materia de aspectos lingüísticos e terminolóxicos.

A entidade Rexurga creárona en 1992 un grupo de profesionais e funcionarios do ámbito xudicial coa finalidade de elaborar a Revista Xurídica Galega. Esta asociación desenvolve actividades a favor da galeguización do ámbito da xustiza no noso país.