O galego na administración de Xustiza


11 dic 2008


Dec11
O Consello de Europa critica os "notorios atrasos" nos casos xudiciais en galego, con 9 tradutores para 9.000 procesos

 

Fonte: europapress.es

 

O Consello de Europa criticou hoxe no seu informe sobre linguas minoritarias os "notorios atrasos" percibidos polos expertos nos casos xudiciais que se realizan en galego debido a que o Departamento Lingüístico da Xustiza galega "dispón de nove tradutores" para máis de 9.000 procedementos".

galego Segundo explican no seu informe, feito público hoxe, sinala que, para que o proceso xudicial se leve a cabo en galego, os lingüistas se encargan de traducir sentenzas e documentos o que "atrasa" as actuacións e "pospón a admisión de probas e procedementos".

Neste sentido, o Comité de Expertos sinalou que estes atrasos provocan que "os avogados alenten os seus clientes a empregar no seu lugar a lingua castelá", para axilizar o proceso.

Ademais, o informe reflicte que os casos nos cales se empregou o galego "son illados" e que os xuíces que deciden empregar este idioma "teñen dificultades" debido á inexistencia de textos oficiais traducidos e de programas informáticos en galego".

No documento, o Comité de Expertos da Carta --que foi asinada por España o 5 de novembro de 1992 e ratificada o 9 de abril de 2001-- avalía a situación das linguas rexionais e minoritarias en España, a partir dun informe proporcionado polas autoridades sobre o cumprimento da Carta e tras unha visita "sobre o terreo" realizada entre o 10 e o 14 de setembro de 2007.

ACTITUDE NEGATIVA

Durante o seu traballo de campo en Galicia, o Comité de Expertos do Consello de Europa percibiu que "os xoves adoptan unha actitude negativa no que respecta á utilización do galego nos tribunais", segundo lles sinalaron representantes do sistema xudicial.

Así, o informe sinala que "a penas 10 dos 234 fiscais utilizan o galego", polo que, apunta ", cando un cidadán opta por empregar o galego en primeiro lugar, a solución proposta é recorrer aos servizos de intérpretes e tradutores, pero non esixir ao xuíz que empregue a lingua".

Non obstante, os expertos recoñeceron o "esforzo" levado a cabo pola Xunta por "proporcionar formación lingüística apropiada aos xuíces e maxistrados" se ben, aseguraron, "isto non entra en competencias do Goberno de Galicia, xa que estes funcionarios non dependen da administración autonómica".

ESIXENCIAS

O Consello de Europa instou as autoridades españolas a "modificar o marco xurídico" para que as autoridades xudiciais "leven a cabo os procedementos en galego a petición dunha parte" así como a tomar "as medidas necesarias para incrementar a porcentaxe de persoal da Administración de Xustiza de Galicia" que "poden empregar o galego".

Así mesmo, o Comité de Expertos fixo fincapé na necesidade de que os textos lexislativos poidan atoparse en galego así como os programas informáticos.