Debate no Parlamento de Galicia


18 dic 2008


Dec18
Un recente informe do Consello Xeral do Poder Xudicial sinala que a media de resposta en Galicia se sitúa nos 7,04 meses

 

Fonte: xornalgalicia.com

 

  • Palmou atribúe a situación dos xulgados galegos, próximos ao colapso, á “absoluta deixadez” do bipartito, que prefiere alabar ao ministro antes de reclamar que se atendan as necesidades de Galicia
  • Todos os indicadores sitúan á xustiza galega á cola de España: ocupa o segundo peor indicador en materia de pendencia e o número de asuntos pendentes nos diferentes xulgados e tribunais incrementouse nun 27,1% nos tres últimos anos
  • Méndez Romeu considera que “por primeira vez” no conxunto das administracións implicadas en Xustiza existe unha “estrutura clara” para mellorar o seu funcionamento
  • Lembrou que co Goberno anterior cidades como Vigo, A Coruña, Ferrol, Ourense e Pontevedra quedaron cunha planta xudicial “absolutamente insuficiente” e que “tivo que chegar este Goberno e abordar estas cuestións”

 

181208romeu4 Cunha media de 7,04 meses, os xulgados galegos teñen o tempo de resposta máis elevado de España, segundo certifica un recente informe do Consello Xeral do Poder Xudicial exhibido hoxe polo deputado popular Jesús Palmou no Parlamento, ao formular unha interpelación na que lle reclamou á Xunta que explique as razóns do colapso no que está sumida a Xustiza en Galicia.

Palmou Lorenzo insistiu en que Galicia presenta o peor indicador en tempo medio de resolución de asuntos xudiciais, seguida por Cataluña, cun tempo medio de resposta de 6,44 meses. Sen embargo, non é este o único dato negativo do informe do CGPJ, que tamén revela que Galicia é a segunda Comunidade Autónoma con peor pendencia (concepto que relaciona os asuntos pendentes cos resoltos ao final dun período).

Galicia presenta unha pendencia do 0,35, só supera en España por Castela-A Mancha, cun 0,36. “Tampouco isto tiña acontecido nunca antes en Galicia”, afirmou Palmou, que lle reprochou ao bipartito a dubidosa “honra de levar á Xustiza de Galicia ao último posto de todas as Comunidades Autónomas”. “Mentres, vostede mira para outro lado e move o botafumeiro cara o ministro de Xustiza”, afirmou Palmou dirixíndose ao conselleiro da Presidencia.

Palmou recordou tamén que o PPdeG leva meses advertindo que, de non poñer remedio, o caos xudicial iría a máis contra o final deste ano, como ten sucedido, agravando a situación dos 145.000 casos pendentes de resolver e as 13,000 sentenzas aínda sen executar.

Entre os exemplos apuntados, o deputado popular referiuse á situación dos xulgados encargados de violencia de xénero en cidades como Ourense, Lugo, Pontevedra, Santiago ou Ferrol, que duplicaron o número de asuntos pendentes durante o ano 2007.

Oferta de pacto rexeitada

Neste escenario, en maio pasado, o presidente do PPdeG ofreceu ao titular da Xunta unha oferta de pacto para superar a situación caótica da Xustiza, pero topouse coa prepotencia e a soberbia do bipartito, que rexeitou a proposta “mentres permanecía de brazos cruzados a ver que pasaba”.

A última memoria do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia volveu poñer de manifesto a precariedade dos medios da Xustiza e reclamaba a urxente creación de 32 novas unidades xudiciais e cinco novos xulgados de violencia de xénero. A Xunta respondeu a esta demanda acordando co Ministerio de Xustiza a creación de só 9 novas unidades xudiciais e 2 xulgados, menos da terceira parte dos considerados innecesarios.

Paralelamente, o informe anual do Valedor do Pobo volveu incidir nas carencias da Xustiza, poñendo de manifesto que entre o 1 de xaneiro de 2005 e o 31 de decembro de 2007 o incremento medio de asuntos pendentes en todas as xurisdicións se situou nun 27,1%. Nesas mesmas datas, a Fiscalía do TSXG volvía denunciar a deixadez da Consellería da Presidencia e insistía en reclamar un incremento dos medios humanos e materiais.

A indolencia da Xunta é de tal calibre que en dou anos non foi capaz de poñer en funcionamento o sistema de videoconferencia nos xulgados, malia que permitiría evitar infinidade de desprazamentos, ao tempo que permitiría aforros de tempo e de diñeiro, axilizando os procedemento e sen custe adicional de ningún tipo.

 

Pola súa parte, O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, afirmou hoxe no Parlamento de Galicia que “por primeira vez” no conxunto das administracións implicadas en materia de Xustiza existe “unha estratexia clara“ sobre como mellorar a medio prazo o funcionamento da Xustiza no noso país.

En resposta a unha interpelación parlamentaria, o conselleiro afirmou que todos os operadores coinciden en que para modificar a situación estrutural da Xustiza “é necesario traballar de consuno”, polo menos entre o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), o Ministerio de Xustiza e as once Comunidades Autónomas con competencias en xustiza. “Por primeira vez a finais do ano 2008 comezan a darse esas condicións”, exclamou o conselleiro, que celebrou a “vontade de consenso” do CXPX “plasmada nun primeiro documento estratéxico e na creación -por primeira vez na súa historia- dunha comisión de relacións coas Comunidades Autónomas que está dando os primeiros pasos e secundada por unha actitude semellante de parte das Comunidades e do Ministerio”.

Traballo conxunto

Neste sentido, Méndez Romeu asegurou que hai que “traballar paralelamente en tres ámbitos distintos”. En primeiro lugar, nas reformas procesuais, das que o conselleiro informou que no último Consello de Ministros acábase de aprobar e enviar ás Cortes un conxunto de modificacións de leis orgánicas “que deben permitir modificar profundamente as leis procesuais relacionadas coa axilización dos trámites fundamentais para axilizar os procedementos xudiciais”. Doutra banda, expresou a necesidade de “traballar conxuntamente no incremento de medios e recursos” (incrementos de medios económicos, de persoal, melloras en edificios, etc.) e, en terceiro lugar, “traballar na infraestrutura tecnolóxica”. Neste sentido, comentou que esta mesma semana, nunha conferencia sectorial, o Ministerio prantexaba a necesidade de crear un consorcio tecnolóxico “para avanzar as solucións que fagan posibles novos procedementos de coordinación entre os distintos sistemas e de axilización das oficinas xudiciais”.

Nova Oficina Xudicial

O conselleiro tamén se referiu á nova Oficina Xudicial, “longamente adiada” e que implica cambios na cultura organizativa dos actuais xulgados, así como na propia organización física dos xulgados, nas súas funcións e no xeito de concibir o traballo de xuíces e maxistrados. Esta nova estrutura, continuou, tamén implica a necesidade de modificar a Lei de planta e xurisdición, fundamental para unha poboación “tan espallada” como a de Galicia. “Acadar un consenso sobre o que debe ser un partido xudicial no século XXI e sobre a necesidade de separar o concepto de partido do de xulgado é un dos grandes desafíos dunha modificación legal que foi solicitada polas Cortes nunha recente resolución e que o Ministerio ten o compromiso de levar adiante no ano 2009”.

Neste sentido, o conselleiro tamén avogou pola necesidade de unificar os criterios de estatística xudicial, un aspecto agora mesmo sometido a debate e do que Méndez Romeu se mostrou coñecedor das súas dificultades de interpretación.

Novo Xulgado do Mercantil

Ao referirse ás actuación levadas a cabo polo seu Goberno en materia de Xustiza, o titular de Presidencia lembrou que co Goberno anterior das sete principais cidades galegas, seis quedaron cunha planta xudicial “absolutamente insuficiente”. Dixo que en cidades como Vigo, A Coruña, Ferrol, Ourense e Pontevedra, non se fixo “nin un metro cadrado”, quedando todo en “promesas” e que en A Estrada “equivocáronse na previsión de crecemento”, xa que “tivo que chegar este Goberno e abordar estas cuestións”.

Méndez Romeu tamén lembrou que, para por en valor o que fixo o Goberno de España, na xurisdición mercantil “vai a haber un novo xulgado” na cidade da Coruña “na próxima primavera” co que se posibilitará “abordar con máis celeridade os procedementos derivados desgraciadamente do elevado número de empresas que se acollen á lei concursal”. Neste sentido, tamén dixo agardar neste ano “moi boas noticias” neste eido na cidade de Vigo, onde adiantou que se vai abrir unha oficina delegada do Rexistro Mercantil. Estas iniciativas, segundo o conselleiro son “o primeiro paso na dirección correcta”, paso que como lembrou o Goberno do Partido Popular “xamais” deu.

Orzamento 2009

Méndez Romeu non quixo deixar de facerse eco da “elemental contundencia das cifras” e así comentou que o orzamento do 2009 dedicado a Xustiza é de 105 millóns de euros, fronte aos 70 millóns do último ano (2005) do anterior Goberno;o que significa un incremento do 49 %. No referido á obra nova en materia de xustiza, apréciase un incremento de “exactamente o 50%” entre os 13,3 millóns actuais e os 8,7 de 2005.

Doutra banda, tamén se referiu ao persoal da Administración de Xustiza, dando un amplo número de cifras que demostran que agora hai máis xuíces, fiscais, secretarios xudiciais, médicos forenses, etc. en Galicia; e á creación de unidades xudiciais, cuxas cifras son “exactamente o dobre”. “Co PP en España isto ía paseniñamente”, dixo, xa que estaban máis preocupados polo control de Tribunal Constitucional e o Tribunal Supremo que por “cuestións máis de a pé” como crear unidades xudiciais.

Así mesmo, referiuse aos xulgados especializados en materia de violencia de xénero que, segundo asegurou, “non existían co Goberno anterior”, e foi o Goberno de Zapatero o que fixo unha lei e despois creou este tipo de xulgados. Así, lembrou que en Galicia creáronse primeiro os xulgados específicos da Coruña e Vigo e os de Pontevedra e Santiago cos que continuarán “nesa dirección progresivamente”.

Informatización

En canto á informatización , o conselleiro asegurou que a fiscalía está informatizada hoxe “completamente” polo seu Goberno, así como todos os rexistros civís principais -con aplicacións bilingües-, a xustiza de paz e os xulgados, aos que se dotou tamén de sistemas de videoconferencia. Na época do Partido Popular “nada”, comparou. De aí que, como lembrou, as peores cifras de pendencia xudicial, “as peores da historia de Galicia”, rexístraranse no ano 2003.

Rematou asegurando que, no momento actual estase traballando “con rigor, con recursos e con resultados recoñecidos” polos principais operadores da Xustiza, e non coas “eivas reiteradas” do Goberno anterior.