A voltas cos papeis


15 oct 2008


Out15
Aparecen centenares de expedientes xudiciais tirados nunha rúa da Coruña


Fonte: lavozdegalicia.es

Notificacións da Fiscalía de Menores e documentos de embargos estaban nunha bolsa plástica baixo unha árbore

Numerosos documentos procedentes dos xulgados de A Coruña foron atopados na tarde de onte tirados por unha rúa da zona de Catro Camiños. Unha bolsa plástica de lixo esgazado deixaba escapar unha morea de papeis coas cabeceiras da Administración de Xustiza, do Servizo Común de Notificacións e Embargos e, mesmo, da Fiscalía de Menores no parque situado no paseo de Alexandre Bóveda, próximo aos xulgados. Esta documentación foi achada baixo unha árbore, xunto a diferentes restos de bebidas, xornais atrasados, revistas, carpetas e sobres da Garda Civil nos que figura a Fiscalía de Menores como destinatario e, na súa maioría, atopaban os papeis rotos e engurrados.

Entre os expedientes destacan numerosas referencias do Xulgado de Menores, nas que poden identificarse sen problema os nomes dos procesados, e algún decreto da Fiscalía, como un do 27 de febreiro do 2008, no que se solicita un letrado de oficio ao Colexio de Avogados para que se ocupe da defensa dun menor. Tamén hai entre a documentación atopada numerosas dilixencias de embargo e requirimentos de pagamento.

Unha patrulla do 092 compareceu no lugar tras ser alertados polos veciños. Nun primeiro momento cotexaron a posibilidade de que se tratase de expedientes procedentes dalgún despacho de avogados que se quixo desfacer destes papeis e que fose interceptada a bolsa de lixo que os contiña por algún vándalo que posteriormente os tirou polo parque. Pero a presenza de numerosos orixinais de dilixencias de embargo, comunicacións da Fiscalía a un xulgado concreto coa rúbrica do fiscal e, mesmo, a orde de xuízos sinalados para unha data concreta, con anotacións realizadas a bolígrafo, indican que poden proceder dos xulgados.

Un dos documentos resume os xuízos, por exemplo, que tiveron lugar no Xulgado do Penal número 4 de A Coruña o día 7 de xullo deste ano. Trátase dunha especie de orde do día que manexan os secretarios do xulgado, no que veñen detallados concisamente o acusado, avogados, procurador e testemuñas que comparecen en cada causa e a hora de celebración do xuízo. Ao lado de cada un deles aparece escrito de puño e letra expresións como «celebrado», «suspendido» ou «conformidade», segundo a súa resolución.

O variado contido destes papeis despista en canto á súa posible orixe, xa que os documentos proceden de xulgados e servizos dispares e de datas distintas, que van dende principios de ano ata este mesmo mes de outubro. Cando en anteriores ocasións se atopou en colectores documentación semellante, adoitaba pertencer a un mesmo xulgado ou rexistro, o que explica a concentración de expedientes nunha mesma bolsa.

Este pasado verán atoparon nun colector próximo aos xulgados de A Coruña uns expedientes semellantes aos achados onte. Tras aquel incidente tomáronse novas medidas de seguridade que asegurasen a destrución dos documentos e a confidencialidade do seu contido, segundo afirman fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, polo que a aparición destes papeis incontrolados causou sorpresa.

A Xunta dotou dun sistema de colectores internos aos xulgados coruñeses, para evitar que a documentación confidencial correse risco de ser extraida ou extraviada. Ademais, os Xulgados de Violencia de Xénero e os de Instrución contan xa con trituradoras de papel para garantir a súa destrución. Por outro lado, cursouse unha orde aos funcionarios dos xulgados para que se utilizase este novo servizo de tratamento de residuos, que conta tamén cunha recollida e traslado especial, a cargo duns camións do Concello cun destino diferente ao do lixo común.

Dende o Tribunal Superior expresan o seu desconcerto pola documentación tirada na rúa e anuncian que se abrirá unha investigación.