Emilio Calatayud, xuíz de menores


17 oct 2008


Out17
«É máis doado ser xuíz que pai»


Fonte: lavozdegalicia.es

Emilio Calatayud, titular do xulgado de menores de Granada, foi recibido en Teo como unha estrela de cinema e os seus consellos non defraudaron nin a pais nin a alumnos

Emilio Calatayud, xuíz de menores de Granada, autor de sentenzas tan salomónicas como condenar a limpar as rúas aos responsables de actos vandálicos, conquistou por igual en Teo pais, docentes e novos, durante unha charla informativa organizada polo instituto de Cacheiras e a asociación de pais e nais do centro.

O xuíz, que chegou media hora tarde porque se perdeu, gañou a concorrencia ao sinalar que «ata o máis parvo, que se perde cun GPS TomTom, pode chegar a ser xuíz de menores».

Tras a gargallada unánime do público e as preceptivas presentacións, Calatayud entrou en materia e recordou que na súa traxectoria profesional con menores xulgara 35 asasinatos, 75 violacións e máis de quince mil delitos e faltas. Con semellante bagaxe quixo recordar aos mozos presentes que o Código Civil recolle expresamente no seu articulado que as obrigas dos mozos a obedecer aos seus pais mentres son menores e a contribuír ao levantamento das cargas familiares dentro das súas posibilidades. Baixo esta premisa, o maxistrado insistiulles aos mozos no privilexio e tamén a obriga de estudar porque, do que se trata é de «garantir os dereitos e esixir os deberes».

Calatayud, que sinalou que ás veces hai leis difíciles de entender e interpretar ata para os xuíces, avalou a Lei do Menor, da que afirmou, en ocasións, é máis restritivo o Código Penal. Tamén avogou por fórmulas como que os mozos acudan como público a xuízos de menores para comprobar as consecuencias de determinados actos, observando persoas da súa idade esposadas e condenadas, sendo conscientes de que os pais tamén poden rematar no banco.

Na quenda de preguntas, sen pelos na lingua, Calatayud recoñeceulle a unha nai que «é máis doado ser xuíz que pai». Á hora de xustificar o seu modo de practicar xustiza narrou a súa propia historia: «Eu era un neno pijo de Granada que suspendía todo. O meu pai púxome a traballar nun taller e díxome que non ía criar vagos e que debía manterme do meu traballo».

O maxistrado dedicou parte do seu discurso a alertar os mozos sobre o consumo de drogas porque hai numerosos casos nos que os delitos están relacionados co consumo de estupefacientes, tanto para financiar o seu consumo como polos trastornos que xeran. Tamén dixo que hai menores «que moitas veces non se poden reinserir porque nunca estiveron inseridos», polo que en ocasións hai que dicilos que «ou estudas polo civil ou polo criminal». Con todo, afirmou que «moitas veces non hai que reinserir, hai que escarmentar, hai que impoñer un castigo para resarcir a sociedade».

Calatayud combinou no seu discurso as súas reflexións tras anos de experiencia con historias como o caso dun novo condenado por agresión que tras abandonar os centros de internamento, casarse, ter fillos e quedar no paro, lle pediu rematar a súa condena nun centro pechado para non volver delinquir.