Ago04
Case o 84% dos funcionarios da Administración non se sente motivado nin animado no desempeño do seu traballo e un 61% non atopa un ambiente cómodo e que axude a exercer a súa profesión, segundo un estudio do colectivo dos Técnicos do Ministerio de Facenda (Gestha).O informe, realizado entre un total de 4.200 funcionarios técnicos da Administración pon de manifesto que as dificultades para o exercicio da profesión dos funcionarios se ven agravadas por un ambiente enrarecido e a falta de organización.
Os prexuízos, a envexa e os conflitos persoais son, de acordo co 44% dos enquisados, as causas principais de que o ámbito laboral sexa "individualista" e "competitivo", o que se traduce na ausencia de liberdade para expresarse.
O 70% dos enquisados lamenta carecer de liberdade de expresión para manifestar unha opinión xenuína e o 78,5% considera que a Administración non aprecia a iniciativa e independencia dos seus traballadores á hora de tomar decisións. Como consecuencia, o 38% asegura non sentirse avalado polos seus superiores.
Ademais, o estudio advirte da falta de planificación e organización laboral, xa que o 70% dos enquisados estima que a carga de traballo non é acorde cos medios de que dispón a Administración e que os obxectivos non son realistas (78%).
Por outro lado, o estudio mostra que esta situación de descontento profesional se agrava pola presenza dun ámbito de traballo pouco amigable, así como pola falta de recoñecemento persoal e unha retribución por debaixo das expectativas trazadas.
Administración anticuada
Neste sentido, case un 40% dos enquisados ve a Administración "chapada á antiga" e ancorada en "trámites burocráticos" que entorpecen o traballo e o diálogo. O 65,2% dos funcionarios cre que as diferenzas de opinión son resoltas adoptando unha posición de autoridade ou esquivando o problema.
Este descontento xeneralizado vese agudizado para nove de cada dez funcionarios por un sistema retributivo "pouco proporcional" e "axustado", falta de recoñecemento económico que fai que o 90% dos enquisados senta desmoralizado ante as nulas perspectivas de promoción.
Ante esta situación, Gestha propón habilitar máis de 8.000 técnicos financeiros para desenvolver as liquidacións e inspeccións, para funcións aduaneiras, de recadación tributaria e de control das subvencións co fin de lograr unha significativa redución da fraude.
Fonte: EXPANSION.COM