O galego e a Xustiza


9 may 2008


Mai09
A COPE, que denunciou á unha maxistrada por redactar una sentenza en galego, recibiu unha subvención de 60.000 euros pola promoción do galego


A Xunta subvencionou á COPE nos anos 2005, 2006 2007 cun total de 20.000 euros cada ano pola publicación e difusión de programas en lingua galega e por facer unha oferta positiva en galego.

Recentemente, o letrado da cadea de radio denunciou ante o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) a unha maxistrada polo uso da lingua galega nunha sentenza.

Sobre este asunto, o secretario xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Santiago Roura Gómez, manifestou no Parlamento que se trata dunha “actitude de falta de respecto, e sobre todo de descoñecemento, da normativa que rexe a lingua empregada nas actuacións xudiciais”.

Ademais asegurou que a Xunta está a dar pasos “verdadeiramente salientables” a prol da utilización da lingua galega na xustiza.


TEXTO COMPLETO DA NOTICIA

O secretario xeral da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Santiago Roura Gómez, asegurou hoxe que os pasos dados “en ben pouco tempo” a prol da utilización da lingua galega no eido da xustiza son “verdadeiramente salientables”. Na Comisión 1ª do Parlamento, Roura afirmou que grazas á acción da Xunta “cada día é máis fácil en Galicia que se administre xustiza en galego”, porque cada día se organiza mellor o traballo para que as aplicacións informáticas, os documentos que están a dispor dos cidadáns e os textos normativos que empregan os xuíces, maxistrados e fiscais, entre outros, estean dispoñibles en lingua galega.

Isto, dixo, é importante porque moito do corpus xurídico que se manexa está redactado polas Cortes Xerais -orixinariamente en lingua española- e polo tanto, segundo dixo, o labor de tradución que se leva desde a Consellería de Presidencia a través da colaboración co Boletín Oficial do Estado “está a dar froitos ben atendibles”. Así, o secretario xeral destacou o traballo que está a facer o Goberno a prol do uso da lingua galega na Administración de Xustiza, onde recoñeceu que o seu nivel de emprego é inferior que no resto dos poderes do Estado, algo que atribuíu a razóns estruturais.

Neste sentido, explicou que xa está instalada na práctica totalidade dos rexistros civís a aplicación informática Infored que permite realizar directamente en galego calquera actuación propia dun rexistro civil, como as inscricións de nacementos ou matrimonios. Ademais, os asentos fanse xa en galego, algo “moi importante” porque estes rexistros non están transferidos: “O Goberno de Galicia está a desenvolver unha acción de colaboración efectiva co Ministerio Xustiza, que é o propietario das aplicacións informáticas, para as traducir e para pór a disposición de todos os usuarios da Xustiza en Galicia o libre dereito de elección lingüística”.

Formación de funcionarios

Roura declarou que dende que o actual Goberno tomou posesión están a disposición dos órganos xudiciais ferramentas que permiten xa a tradución automática cando así é requirido de todos os textos, non só a súa tramitación en lingua castelá. Tamén se conta cun corpo de tradutores ao servizo activo da normalización da lingua galega nos xulgados e tribunais e se incrementou o orzamento destinado a actividades de promoción e formación da lingua. Sobre este eido, explicou que as asistencias a estas últimas téñense incrementado desde os 272 participantes con que contaban en 2005 aos 434 nas edicións de 2007.

“Isto faino o Goberno para os funcionarios, xuíces e maxistrados que desenvolven o seu labor en Galicia –explicou- e faino tamén con cursos que se prestan a funcionarios de orixe galega e que prestan servizo noutras Comunidades Autónomas pero desexan a través de concursos incorporarse aos cadros de persoal nos funcionarios de Administración de Xustiza en Galicia”. O secretario fixo tamén referencia á aplicación informática Minerva, que na actualidade xa posúe moitos documentos que permiten a tramitación integramente en galego.

Sentenza en galego

Santiago Roura respondeu no Parlamento a unha pregunta sobre a denuncia formulada pola Cadena COPE ante o Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) contra unha maxistrada polo uso da lingua galega nunha sentenza. Sobre este asunto considerou que se trata dunha “actitude de falta de respecto, e sobre todo de descoñecemento, da normativa que rexe a lingua empregada nas actuacións xudiciais”.

Así, lembrou que a Lei Orgánica do Poder Xudicial establece como lingua oficial do Poder Xudicial a lingua española común en todo o Estado e a oficialidade naquelas Comunidades que teñan lingua de seu deses idiomas, establecendo “plena regularidade” de todas as actuacións dos xuíces, maxistrados, fiscais, secretarios e funcionarios, así como de todos os peritos, testemuñas e partes, “que son quen de elixir con absoluta liberdade a lingua que empregan no procedemento”. Tamén explicou que a redacción orixinal deste texto foi reformada en 1994 para eliminar a obriga de tradución automática dos escritos e das intervencións feitas en linguas distintas do castelán.

Opinou que a denuncia formulada pola emisora corresponde a unha actitude debida a “non ter outra forma de reaccionar” contra unha sentenza xudicial que non lle deu a razón. “Esa é unicamente a orixe dunha denuncia que dende logo teño para min que non vai surtir o mínimo efecto ante o CXPX, porque a actuación da maxistrada é plenamente consonte a dereito”.

Sobre as achegas recibidas pola cadea en relación coa normalización lingüística, indicou que esta recibiu en 2005, 2006 e 2007 un total de 20.000 euros cada ano en función dunha resolución pola que se aproban axudas á promoción da lingua galega nas empresas xornalísticas e de radiodifusión. “Esas axudas concédense en función duns parámetros, son axudas regradas que se disciplinan de acordo coa lei de subvencións e co propio regulamento da norma”, subliñou, explicando que a medio delas se obriga aos medios a publicar e difundir programas en lingua galega e a facer a oferta positiva en galego: “Este comportamento é o practicado pola Cadena COPE e polo tanto, e na medida en que estas axudas se conceden de xeito regrado, recibiu estas cantidades”.

Libre escolla

“Sobre a utilización do galego na Administración de Xustiza o mellor que podemos facer, garantidos os dereitos das linguas, é favorecer a libre escolla -afirmou o secretario xeral-. Iso faise como está a facer este Goberno, achegando esforzos e orzamentos en formación e en cadros de persoal que están apoiando a quen desexa ampliar as súas habilidades e competencias para poder administrar mellor xustiza”. Así, considerou que a mellor maneira de achegarse a unha persoa é chegar a entenderse na mesma lingua que fala, e asegurou que ese é un “obxectivo irrenunciable” para a Xunta.

Fonte: XUNTA DE GALICIA