Os xuíces de Santiago dinlle ao PP que os "insultos" proban que non respecta a división de poderes


16 oct 2013


Sen autocrítica e acusando a unha xuíza de montar unha persecución política. Así respondeu o PP de Santiago á noticia da imputación de sete concelleiros.
 
O luns a edila e voceira María Pardo acusou á maxistrada Ana López-Suevos de facer política dende a Xustiza por citar como imputados aos sete concelleiros que aprobaron que o Concello pagase a defensa dun compañeiro, imputado na Operación Pokemon.
 
Os xuíces de Santiago reaccionan hoxe e fanno dun xeito contudente. Non só dan o seu "apoio" expreso a López-Suevos senón que din que os ataques dos conservadores "entran de lleno en la esfera del insulto y la descalificación y son impropias de un responsable político y de una sociedad democrática en la que el respeto institucional entre los distintos Poderes debe ser uno de los principios que la rija". Na súa opinión estes "insultos" demostran que non se respecta a división de poderes.


Exculpou ao actual alcalde

Nun comunicado a Xunta de Xuíces de Santiago de Compostela lembra que a mesma xuíza foi quen acaba de exculpar ao actual alcalde e ao anterior dunha denuncia presentada por un Policía Local. O concelleiro de Tráfico segue imputado neste caso.
 
No seu comunicado, a Xunta de Xuíces si que lle dá a razón ao PP cando pide axilidade nos procesos xudiciais. Iso si, os maxistrados lembran que eles levan moito tempo pedindo ás administracións máis medios para poder atender con celeridade os casos de corrupción e o resto de preitos.
 
Dos 13 edís do PP en Santiago, 10 están arestora imputados en diversas causas, así como o xefe de gabinete do alcalde, o ex-alcalde e o seu número dous. 

Publicado o 16/10/2013 en www.galiciaconfidencial.com

Enlace permanente: pica aqui