CCOO participará o día 27 na mobilización de Vigo contra a reforma da planta xudicial


23 jun 2014


  • Varias localidades galegas acolleron xa accións de protesta contra a supresión de partidos xudiciais
Tras a reunión mantida esta semana co alcalde de Vigo, Abel Caballero, Comisións Obreiras decidiu participar o vindeiro 27 de xuño na mobilización que terá lugar na cidade olívica contra o proxecto de reforma da planta xudicial. Varias localidades galegas acolleron xa accións de protesta contra a supresión de partidos xudiciais que formula o ministro Gallardón, as últimas Carballo e Betanzos.
Partidos xudiciais
Partidos xudiciais
Na xuntanza co rexedor vigués, CCOO propuxo implicar toda a comarca —non só a cidade— na defensa do partido xudicial, xa que a supresión do de Vigo tería efectos negativos no tecido socioeconómico doutros concellos do sur da provincia de Pontevedra.

Un problema que afecta a toda Galicia

Desde Comisións Obreiras insisten en que as mobilizacións contra a reforma da planta xudicial non se restrinxen a un problema local, senón que atanguen a toda Galicia e a toda a sociedade. O sindicato denuncia que a reforma que prevé o Ministerio afasta a xustiza da cidadanía, obrigándoa a facer desprazamentos máis longos e incrementándolle o custo, ao que hai que sumar o importe das taxas xudiciais. Para o CCOO, o dereito á tutela xudicial efectiva verase, pois, prexudicado, e favorecerá as persoas de maior poder adquisitivo.

No aspecto laboral, afectará a centos de funcionarios e outros profesionais que actualmente prestan servizos no ámbito do partido xudicial vigués —da avogacía, procuradoría e demais operadores xurídicos—. Canto ao aspecto socioeconómico a que se aludía arriba, CCOO lembra a importancia do partido xudicial propio para sectores como o pequeno comercio e a hostalaría, que se beneficia da actividade ao redor da sede xudicial.

Debido a que a tramitación parlamentaria do proxecto non chegará ata setembro, o sindicato iniciará unha rolda de contactos con colectivos profesionais da xustiza, pero tamén veciñais e cos partidos políticos para achegar posturas cara a novas mobilizacións.