Traxectoria profesional: convocatoria de acceso extraordinario ao grao I e grao II


5 abr 2024






Hoxe publícase no DOG a Resolución do 25 de marzo de 2024, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 8 de febreiro de 2024, polo que se aproba o acordo acadado o 17 de xaneiro, entre a Xunta de Galicia e as organizacións sindicais SPJ-USO, STAJ, AXG-CUT, UGT, CSIF e CC.OO., para a implantación do réxime extraordinario de acceso aos graos I e II do sistema transitorio extraordinario de recoñecemento da progresión na traxectoria profesional para o persoal ao servizo da Administración de xustiza.


Este acordo ten por finalidade a convocatoria, con carácter extraordinario, dos graos I e II da traxectoria profesional, e a conseguinte percepción dun complemento adicional aos conceptos retributivos actualmente existentes, para aquel persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza en Galicia non incluído nos anteriores acordos e convocatorias referidas ao ano 2022 por non cumprir os requisitos.


Queda excluído do acceso a este réxime extraordinario o persoal que xa tivese recoñecido algún grao da traxectoria profesional na convocatoria de 2022.


O persoal solicitante deberá cubrir a súa solicitude a través do formulario electrónico dispoñible na OPAX (Oficina virtual do persoal da Administración de xustiza), no enderezo web http://opax.xunta.es

 
Prazo de presentación de solicitudes : 30 días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación deste acordo.


Para ver a resolución completa preme aquí