Os secretarios xerais de CCOO e UGT de Galicia, Xosé Manuel Sánchez Aguión e José Antonio Gómez, respectivamente, anunciaron onte a convocatoria de manifestacións para o vindeiro 20 de xuño en defensa doutra política social e económica. Continúan así as mobilizacións contra a reforma laboral, iniciadas o pasado mes de febreiro, ás que se suman agora actos de protesta contra o rescate á banca.
Sánchez Aguión manifestou a súa preocupación polos efectos negativos que o rescate provocará sobre os servizos públicos e a «maioría social deste país», xa que, independentemente do anunciado polo Goberno central, probablemente se lle esixirán a España novos recortes «que afectarán gravemente a Galicia».
Precisamente, sobre a situación galega, o secretario xeral de CCOO sinalou que Galicia leva padecendo recortes desde que o PP regresou ao Goberno da Xunta. «Feijóo gábase de ser o campión da austeridade en España», apuntou Sánchez Aguión. O dirixente sindical lamentou que os recortes e a deterioración dos servizos públicos «prexudica máis a quen menos teñen, sobre todo parados e pensionistas», e lembrou que esta situación se produce cando en Galicia «contamos coas pensións máis baixas do Estado».
Por último, insistiron en peidr que o Goberno rectifique a reforma laboral, e esixiron que o Executivo español, diante dunha decisión tan importante como o rescate, confoque un referendo.
Así as cousas, haberá manifestacións en nove localidades galegas (A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Burela, Lugo, Ourense, Vilagarcía de Arousa, Pontevedra e Vigo) baixo o lema «Non cales. Defende os teus dereitos».