As federacións de Área Pública de CCOO de Galicia rexeitan novos recortes nos dereitos dos traballadores e traballadoras públicos


3 feb 2012






03-02-2012.- As Federacións de Área Pública de CCOO mantiveron hoxe unha reunión coa Conselleira de Facenda na que recibiron información dos recortes que a Xunta pretende facer en materia de dereitos laborais dos traballadores e traballadoras do sector público autonómico.

A representación de CCOO manifestou o seu rexeitamento á ditas medidas xa que o Goberno galego non pode facer recaer unha vez máis o custo da crise sobre os empregados e empregadas públicos. Recordaron que os traballadores e traballadoras públicos xa levan sufrido unha diminución de máis do 13% nos seus salarios nos últimos tres anos, recorte dos cadros de persoal e un severo retroceso nos seus dereitos sociais.

As medidas presentadas supoñen un novo erro nas políticas adoptadas para saír da crise e só terán efectos negativos tanto sobre o conxunto da actividade económica, retraendo o consumo e o poder adquisitivo dunha parte da poboación, como sobre os servizos públicos reducindo o persoal e, polo tanto, a calidade dos servizos que se prestan.

CCOO denunciou que Galicia, como di a miúdo o Presidente Feijoo, xa "ten feito os deberes en materia de axustes" e non pode seguir incidindo nas políticas de recorte de gastos. Galicia ten marxe e competencias para actuar en materia fiscal. Se ademais temos en conta que recentemente o Goberno Central acordou o aprazamento das devolucións dos anticipos a conta achegando os orzamentos da Xunta de 2012 case 250 millóns de euros non previstos inicialmente, non se xustifican máis medidas de axuste.

Por último, CCOO demandou á Conselleira que presentara a proposta na Mesa Xeral de Empregados Públicos que é o marco natural de diálogo das organizacións sindicais e a Administracións para as cuestións relativas o persoal da Administración Autonómica.

Santiago de Compostela, 3 de febreiro de 2012


Descarga de arquivos:

- Anteproxecto de Lei de Medidas no Emprego Público