No Diario Oficial de Galicia número 208, do 31 de outubro de 2011, publícase a Resolución do 17 de outubro de 2011, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se resolve definitivamente o concurso de traslado para prazas vacantes e de nova creación entre funcionarios dos corpos e escalas de xestión procesual e administrativa, tramitación procesual e administrativa e auxilio xudicial da Administración de xustiza, anunciado pola Resolución do 28 de abril de 2011.
Texto da resolución
Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza
RESOLUCIÓN do 17 de outubro de 2011, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se resolve definitivamente o concurso de traslado para prazas vacantes e de nova creación entre funcionarios dos corpos e escalas de xestión procesual e administrativa, tramitación procesual e administrativa e auxilio xudicial da Administración de xustiza, anunciado pola Resolución do 28 de abril de 2011.
Visto o expediente instruído como consecuencia do concurso de traslados convocado pola Resolución do 28 de abril de 2011 (Diario Oficial de Galicia e Boletín Oficial del Estado do 20 de maio) para cubrir prazas vacantes dos corpos ou escalas de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa e mais de auxilio xudicial da Administración de xustiza, esta dirección xeral, de conformidade co disposto no título VIII da Lei orgánica 19/2003, do 23 de decembro, de modificación da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial, así como no artigo 43 e seguintes e mais na disposición derrogatoria única do Regulamento de ingreso, provisión de postos de traballo e promoción profesional do persoal funcionario ao servizo da Administración de xustiza, aprobado polo Real decreto 1451/2005, do 7 de decembro,
DISPÓN:
Primeiro. Facer públicos no anexo os destinos que, con carácter definitivo, lles foron adxudicados aos funcionarios que participaron no concurso de traslados convocado pola resolución da data mencionada anteriormente, que se corresponden cos relacionados no anexo I da resolución de convocatoria e as súas correspondentes resultas.
Segundo. Excluír do concurso de traslados os funcionarios que se relacionan na páxina web do Ministerio de Xustiza (www.mjusticia.es).
Terceiro. Declarar caducadas as instancias presentadas polos participantes neste concurso que non obtiveron destino, co cal non serán tidas en conta en futuros concursos de traslados.
Cuarto. Declarar desertas as prazas non adxudicadas neste concurso, salvo que se pretendan amortizar por mor dunha modificación do cadro de persoal orgánico ou dunha reordenación de efectivos dun centro de traballo, polo que serán cubertas por funcionarios de novo ingreso.
Quinto . Para os funcionarios que se atopen en activo, en servizos especiais ou en excedencia voluntaria polo coidado de familiares e non reingresen en ningún dos corpos ou escalas a que se refire o presente concurso, o cesamento deberase efectuar nas datas que a seguir se indican: para tramitación procesual e administrativa, o 7 de novembro de 2011; para xestión procesual e administrativa e mais para auxilio xudicial, o 14 de novembro de 2011. A toma de posesión do novo destino obtido por concurso producirase nos tres días naturais seguintes ao cesamento se non hai cambio de localidade do funcionario, nos oito días naturais seguintes se implica cambio de localidade dentro da comunidade autónoma, e nos vinte días naturais seguintes se implica cambio de comunidade autónoma, con excepción da Comunidade Autónoma de Canarias, da Comunidade Autónoma das Illes Balears, da cidade de Ceuta e da cidade de Melilla, en que será dun mes, tanto se o posto de traballo nas illas ou nas cidades é o de orixe como se é o de destino. O prazo posesorio será retribuído pola Administración competente respecto da praza obtida no concurso.
Sexto . Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo na Administración de xustiza nos corpos ou escalas de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa ou de auxilio xudicial, procedente desde as situacións administrativas de excedencia voluntaria por prestación de servizos no sector público, de excedencia voluntaria por interese particular, de excedencia voluntaria por agrupación familiar ou de suspensión de funcións, o prazo posesorio será de vinte días naturais e deberase computar desde o día da publicación desta resolución no Boletín Oficial del Estado.
No caso de que os funcionarios que reingresan por medio deste concurso se atopen en activo noutro corpo ou escala da Administración de xustiza e non quixesen que se interrompa a súa relación de servizo coa Administración, abondará con que, dentro do prazo posesorio de vinte días naturais tomen posesión no novo corpo ou escala, xa que deste xeito teranse por cesados no seu antigo destino coa data inmediatamente anterior á da súa posesión na nova praza de reingreso. Para o caso, e dada a necesidade de contar co tempo indispensable para efectuar a toma de posesión, poderán solicitar da Xerencia Territorial de Xustiza do seu actual destino, ou do departamento competente da comunidade autónoma do seu actual destino, un permiso retribuído de dous días naturais se hai cambio de localidade, agás naqueles casos en que haxa que se desprazar ás illas Canarias, ás illas Balears ou a Ceuta e Melilla, caso en que o permiso poderá ser de ata tres días naturais, que deberán gozarse, en calquera caso, dentro do prazo posesorio. A toma de posesión no novo destino efectuarase durante os días de permiso indicados.
A comunidade autónoma competente, ou a xerencia territorial que corresponda, concederalles a excedencia de oficio no corpo ou escala de procedencia se esta se produce nun corpo ou escala ao servizo da Administración de xustiza, en cuxo destino se terán por cesados coa data anterior á da súa posesión nos corpos ou escalas de xestión procesual e administrativa, de tramitación procesual e administrativa ou de auxilio xudicial co obxecto de evitar a interrupción na percepción dos seus haberes.
Os funcionarios interinos que actualmente ocupen as prazas que foron adxudicadas cesarán como consecuencia da posesión dos titulares.
Sétimo. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a Dirección Xeral de Xustiza da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia no prazo dun mes, ou ben recurso contencioso-administrativo ante os xulgados competentes no prazo de dous meses, ambos os prazos contados desde o día seguinte ao da súa publicación no Boletín Oficial del Estado.
• Nota aclaratoria: advírtese que o anexo I que contén os destinos que con carácter definitivo lles foron adxudicados aos funcionarios que participaron no concurso de traslados figura na publicación desta resolución no BOE.
Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2011.
Juan José Martín Álvarez
Director xeral de Xustiza