A Xunta investirá este ano preto de cinco millóns de euros na modernización da xustiza a través do Plan Senda


10 may 2011


Publicado en www.xunta.es

A Comisión Mixta Xunta- TSXG analizou hoxe a execución deste plan de informatización da Xustiza e do Plan de Infraestruturas Xudiciais

A Administración Autonómica leva renovados 1.600 ordenadores nos xulgados galegos

O Goberno galego facilitará que os xuíces e maxistrados poidan acceder á rede de datos da Administración de Xustiza de xeito remoto


Santiago de Compostela, 10 de maio de 2011.- O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Miguel Ángel Cadenas, presidiron hoxe unha nova reunión da Comisión Mixta entre Xunta e TSXG, na que abordaron asuntos como a execución do plan de infraestruturas xudiciais e a aplicación do Plan Senda 2014.

Neste último ámbito, a secretaria xeral de Modernización da Xunta de Galicia, Mar Pereira, presentou un informe dos avances logrados ao abeiro deste plan de sistemas, que este ano investirá arredor de cinco millóns de euros e que ten permitido, entre outras cousas, a renovación de máis de 1.600 ordenadores nas distintas sedes xudiciais galegas. Dese xeito, tal e como destacou o conselleiro de Presidencia aos medios, a porcentaxe de equipos informáticos cunha antigüidade maior de cinco anos baixou do 65,2 por cento en xuño de 2009 a menos de 37 por cento na actualidade.

A renovación dos postos de traballo é só unha das liñas deste plan Senda 2014, que tamén ten permitido ampliar as liñas de comunicación e de respaldo dos edificios xudiciais e incrementar nunha ducia os equipos de videoconferencia, que agora prestan servizo a case medio cento de salas de vistas en 19 edificios xudiciais. Ademais, nos últimos catro meses continuouse a implantación do programa Lexnet en 40 novos órganos xudiciais da provincia da Coruña, sendo xa 104 os órganos xudiciais dotados con este sistema, que permite o intercambio seguro de información entre os axentes da xustiza.

Outra das novidades máis salientables que se pon a disposición dos xuíces a posibilidade de acceder de xeito remoto á rede de datos da Administración de Xustiza. Así, os xuíces e maxistrados que conten con dispositivos de conexión 3G facilitados polo Consello Xeral do Poder Xudicial poden solicitar xa a configuración desta conexión, que permite acceder a recursos como o Minerva NOX, a Intranet de Xustiza, documentos compartidos e servizos proporcionados polo CXPX.

O Plan de Sistemas e Tecnoloxías da Información na Administración da Xustiza en Galicia, coñecido como Plan Senda 2014, ten un orzamento de 34 millóns de euros, dos cales xa se levan investidos cinco dende a súa posta en marcha. Entre os seus obxectivos están os de garantir un modelo de Tecnoloxías da Información e Comunicación de maior calidade e unha maior interoperatibilidade entre os sistemas para facilitar unha xustiza transparente, eficaz e próxima a cidadanía.

Infraestruturas xudiciais

En canto ao Plan de Infraestruturas Xudiciais, o director xeral de Xustiza, Juan José Martín, fixo na reunión unha actualización do grao de execución do programa, que prevé un investimento de case cen millóns de euros en seis anos para solucionar as necesidades de dotacións xudiciais nas distintas cidades galegas para os vindeiros anos.

Dende a última reunión entre Xunta e representantes dos xuíces, que tivo lugar o pasado mes de novembro, xa se remataron as obras de Celanova e Betanzos e está a piques de rematar a da Fiscalía de Vigo, previsiblemente no vindeiro mes de xuño. Ademais, comezou a obra do novo edificio xudicial de Santiago e retomouse a licitación da infraestrutura de Ourense, na que a Xunta investirá máis de 18 millóns de euros e que permitirá albergar 20 xulgados, outro máis de garda, 14 salas de vistas, unha sala de vodas e que contará con máis de 1.000 metros cadrados de arquivo.

Enlace permanente