Actos para o día das letras galegas


5 may 2008


Mai05
A EGAP organiza unha viaxe cultural e un acto artístico-literario con motivo do día das letras galegas


O itinerario da viaxe fará un percorrido polos escenarios en que se desenvolveu boa parte da vida de Xosé Mª Álvarez Blázquez

O acto artístico-literario coincidirá coa inauguración da IV Mostra Colectiva das Artes e Letras dos Empregados da Administración autonómica galega


A Escola Galega de Administración Pública (EGAP), organismo autónomo dependente da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, organizará un acto artístico-literario e unha xeira cultural para conmemorar o Día das Letras Galegas 2008, que a Real Academia Galega lle dedica a Xosé Mª Álvarez Blázquez. Estas actividades terán lugar os días 16 e 17 de maio, respectivamente, segundo se recolle no Diario Oficial de Galicia na súa edición de hoxe.

O acto artístico-literario consistirá nun recital de poemas musicados pertencentes a Xosé Mª Álvarez Blázquez ao tempo que procederase á inauguración da IV Mostra Colectiva das Artes e Letras dos Empregados da Administración autonómica galega. Neste acto, que se celebrará na sala de exposicións da EGAP a partir das 19.00 h., poderán participar tanto o persoal das administracións públicas como calquera outra persoa interesada.

A xeira cultural, pola súa banda, contará con Felipe Senén López Gómez, historiador e museólogo, como guía e baixo o título de O mar de Vigo á luz do faro dos irmáns Álvarez Blázquez na “Longa noite de pedra” fará un percorrido polos escenarios en que se desenvolveu boa parte da vida do homenaxeado. O itinerario que seguirá inclúe unha visita aos museos vigueses de Castrelos e do Mar, ao Verbum, a Panxón, ao Pazo da Escola Mañufe-Gondomar; así como a Baiona, ao Marco e ao Museo de Arte Contemporánea.

A esta viaxe terá acceso o persoal ao servizo de calquera das administracións públicas de Galicia, ata cubrir as 40 prazas ofertadas (no caso de presentarse máis solicitudes, terá preferencia o persoal da Xunta). Os formularios para inscribirse pódense atopar na edición de hoxe do DOG, e terán como data límite de entrega o vindeiro 14 de maio ás 10.00 horas.