Primeiro paso para consolidar un Rexistro Civil público servido por funcionarios de xustiza


11 mar 2014


Esta mesma tarde, CCOO confirmou que o Ministerio de Xustiza e o Colexio de Rexistradores da Propiedade veñen de romper as negociacións intensificadas nas últimas semanas, como denunciamos dende CCOO; para que a xestión dos Rexistros Civís pase de mans públicas da Administración de Xustiza a mans privadas, aos Rexistradores da Propiedade e Mercantís. 

As mobilizacións do persoal da Administración de Xustiza, o apoio de algúns grupos parlamentares (Izquierda Plural, BNG, PSOE,...) de decenas de municipios e incluso dalgúns parlamentos autonómicos, de asociacións e organizacións cidadás, da Plataforma Justicia para Todos, integrada entre outros polo Consejo General de la Abogacía e o Consejo de Consumidores y Usuarios, empezan a dar resultados.

Porque estamos conseguindo entre todos os que dende o inicio nos opuxemos frontalmente a esta privatización, que exista consenso parlamentar e social contra a pretensión do Ministro de Xustiza de privatizar un servizo público e entregar os Rexistros Civís aos rexistradores. 

Pero a batalla contra a privatización non acabou, debemos manter a mobilización ata acadar que definitivamente o Ministerio de Xustiza retire calquera intención privatizadora (en poucas semanas, a decisión final do Ministerio de Xustiza debe facerse pública, xa que a Lei de 2011 dos Rexistros Civín entra en vigor o vindeiro 22 de xullo de 2014) O silencio do goberno da Xunta de Galicia nesta materia é inaceptable, coas peculiariedades orográficas e poboacionais do noso país, e o grave prexuízo socioeconómico para a cidadanía que suporía a privatización do Rexistro Civil, nomeadamente en pobos e vilas pequenas, con Xulgados de Paz abocados á desaparición. Por outra banda suporía na nosa Comunidade unha reordeación de 200 funcionarios de xustiza, que indefectiblemente conduciría a unha nova amortización. E isto non é ficción ou alarmismo, é a consecuencia directa dunha privatización soñada polo Ministro de Xustiza.

Por iso, CCOO chama ao mantemento e incremento da mobilización, a manter as concentracións en todos os Rexistros Civís, a continuar obtendo declaracións institucionais tanto no Parlamento de Galicia como nos plenos dos concellos, a preparar novas mobilizaciónSpara defender o emprego nos rexistros civís, para seguir loitando a fin de que o servizo público dos Rexistros Civís siga sendo universal, público e gratuíto, servido por persoal da Administración de Xustiza e que os encargados dos Rexistros sexan Secretarios Xudiciais ou persoal do Corpo de Xestión Procesual.

NON BAIXEMOS A GUARDA, MANTEÑAMOS A PRESIÓN ATA CONSEGUIR QUE OS REXISTROS SE CONSOLIDEN COMO UN SERVIZO PÚBLICO, EFICAZ, GRATUÍTO E SERVIDO POR PERSOAL DA ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA!!!