Baixo o lema «Non ao saqueo do pobo. Hai que impedir que nos arruínen», UGT, CCOO e CIG mobilizaranse o vindeiro día 19 nas principais cidades e vilas galegas


17 jul 2012


Diante das graves medidas que acaba de adoptar o Goberno, as tres organizacións sindicais CIG, CCOO e UGT acordamos convocar conxuntamente manifestacións cidadás o vindeiro xoves, día 19 de xullo, nas principais cidades e vilas galegas 

Todas elas discorrerán baixo o lema «Non ao saqueo do pobo. Hai que impedir que nos arruínen». O acto central, ao que acudirán os secretarios xerais dos tres sindicatos, será na Coruña.

Todas as medidas van dirixidas a recortar, unha vez máis, dereitos e a precarizar as condicións de vida e de traballo da maioría social, para que finalmente sexan as clases traballadoras as que paguen unha crise que non provocaron, ao tempo que se protexen e benefician os intereses de banqueiros, especuladores e defraudadores.

Con ese obxectivo, o Goberno impón a diminución da prestación por desemprego a partir dos seis meses do 60 ao 50%, así como o endurecemento dos requisitos para o acceso á renda activa de inserción; incrementa os impostos indirectos subindo o tipo xeral do ive do 18 ao 21% e o reducido do 8 ao 10%; suprime a paga extra de Nadal das empregadas e empregados públicos e a súa negociación colectiva; reduce as empresas e fundacións públicas; delimita a prestación de servizos por parte dos concellos, reforzando a cambio as deputacións; liberaliza o sector dos servizos e flexibiliza os horarios comerciais; privatiza os sectores de transporte ferroviario, portuario e aeroportos, entre outras.

Por iso, facemos un chamamento a que, masivamente, a cidadanía galega poña de manifesto na rúa o seu rexeitamento, tanto a estas políticas antisociais promovidas polo PP, como aos argumentos empregados para defendelos e a forma de poñelos en escena.


Horarios 

A CORUÑA (central): saída da praza da Palloza ás 20h. Chegada no Obelisco ou Subdelegación do Goberno 

SANTIAGO DE COMPOSTELA: saída da Alameda 20h. Remate na praza das Praterías

FERROL: saída do Inferniño ás 20:30. Remate na praza de Armas

LUGO: saída do edificio sindical (rolda da Muralla) ás 20h. Remate na Subdelegación do Goberno

BURELA: saída da praza da Mariña ás 20:30. Remate na Confederación de Empresarios (Arcadio Pardiñas, 97)

OURENSE: saída do pavillón dos Remedios ás 20h. Remate na Subdelegación do Goberno

PONTEVEDRA: saída da praza da Ferrería ás 20:30. Remate na Subdelegación do Goberno

VIGO: saída do cruzamento Urzáiz-Vía Norte ás 20:30. Remate diante do Edif. Adm. da Xunta

VILAGARCÍA DE AROUSA: saída da Casa do Mar (avda. da Mariña) ás 21h. Remate na praza da Ravella