Urxen solucións ao desastre de xestión na implantación dos Tribunais de Instancia en Galicia


8 may 2026


 



Os sindicatos abaixo asinantes, SPJ-USO, STAJ, CSIF, UGT e CCOO, solicitan de forma inmediata a convocatoria dunha mesa sectorial.

A situación da xustiza pública galega está ao borde do colapso. Tanto en vilas como en cidades a intempestiva e precipitada implantación dos Tribunais de Instancia, sen medios suficientes, con cadros de persoal raquíticos, con amortizacións de facto e erradicación dos reforzos existentes, demostrou o que xa viñamos denunciando: era necesaria unha negociación real cos representantes dos traballadores e traballadoras, e non a aprobación dunhas relacións de postos de traballo desenvoltas por Letrados directores e Secretarios Coordinadores, que usurparon as competencias da Dirección de Xustiza coa súa conivencia.

Dende estas cinco organizacións sindicais, que representan unha ampla maioría sindical, consideramos necesario o respecto pola negociación colectiva e a convocatoria dunha mesa sectorial, fundamental para poder acometer de forma seria medidas profundas que freen unha situación que de persistir no tempo non vai ter volta atrás. Para iso é necesario abordar os seguintes puntos:


1.- Apertura dunha negociación inmediata das Relacións de Postos de Traballo, que permita a súa ampliación, sendo totalmente insuficientes as dotacións actuais e, en tanto isto non suceda, o nomeamento dos reforzos necesarios para completar as plantillas. A creación de xefaturas e libres designacións foi unha amortización encuberta. O deseño das RPTs está eivado como demostra a realidade diaria dos xulgados, tanto en vilas como en cidades.



2.- Establecer mecanismos para que as sobrecargas de traballo derivadas da lei non repercutan en excesos de xornada non amparados pola lei, nin retribuídas nin compensadas en tempo.



3.- Crear equipos estruturais, que garantan que non se vulnere o dereito do traballador e se garanta unha especialización real coa seguridade xurídica necesaria para o desenvolvemento do seu labor.



4.- Control da legalidade nas decisións tomadas polos Letrados da Administración de Xustiza, Letrados Directores e Secretarios Coordinadores, que ante a inacción da Dirección Xeral están tomando decisións arbitrarias e a marxe da lei que atentan contra os traballadores e traballadoras, menoscabando os seus dereitos, variando as cargas de traballo ao seu antollo e sen criterio, e suplindo o que unha RPT debera ter: unha valoración real de todos e cada un dos postos de traballo da mesma.



5.- Paliar o desastre tecnolóxico: a non adaptación da aplicación Minerva aos cambios lexislativos, a sobresaturación do Centro de Servizo de Usuarios de Xustiza, a confusión na atribución de permisos contribúen xunto coa falta de medios ao colapso total do sistema.



6.- Formación: son numerosas as reordenacións a outra xurisdición, a incorporación de novo persoal fixo ou interino, ou mesmo a asignación de novos procedementos dentro da mesma xurisdición sen que haxa un proceso formativo real e eficiente que levamos tempo denunciando que é necesario abordar.



7.- Teletraballo: as promesas incumpridas en torno a un dereito que permite a conciliación e traslados innecesarios é unha mostra máis do pouco valor da palabra do Director Xeral de Xustiza.



8.- Negociación dos cambios nos espazos físicos dos Xulgados, xa que afectan á mobilidade do persoal, obxecto ineludible de negociación colectiva, e que, ademais, afectan en moitas circunstancias a incumprimentos en materia de prevención de riscos laborais.



9.- Medidas de choque contra o deterioro do Servizo Público. O desastre na xestión provoca que o cidadán non saiba a onde ter que acudir para informarse sobre o seu procedemento, son comúns os carteis improvisados en portas de órganos xudiciais con un incomprensible relatorio de competencias que se levan no mesmo, incomprensible para a cidadanía, que desemboca nunha crispación lóxica e o descrédito polo servizo público.



Por todo iso, todas as organizacións sindicais decidimos solicitar de común acordo, salvo CIG e CUT, que rexeitaron expresamente formar parte desta iniciativa unitaria, a convocatoria inmediata dunha mesa sectorial para tratar todos e cada un destes puntos, e abordar un traballo serio dende a boa fe negocial e, de non convocarse no prazo de cinco días ou non percibir que existe vontade algunha de establecer puntos de acordo, reservámonos a tomar as medidas de carácter colectivo que consideremos oportunas, tanto no ámbito social como no ámbito xudicial.