Recortes na Xunta de Galicia: Xuntanza da Comisión de Persoal


16 feb 2012



Nota informativa de CCOO da xuntanza celebrada o 15 de febreiro




CCOO cualifica de irresponsable a actitude da Xunta de Galicia por rexeitar tódolos plantexamentos sindicais e por instalarse no conflito en vez de buscar solucións de consenso

CCOO considera que o Goberno Popular, en ningún momento, tivo intención de impulsar unha negociación real sobre aforro ou optimización de recursos na Administración Autonómica e, de antemán, xa tiña previsto tirar cara adiante con este ataque brutal aos servizos públicos e aos traballadores da Xunta de Galicia.


15-02-2012. Hoxe celebrouse a xuntanza da Comisión de Persoal na EGAP coa presenza no exterior dun importante número de delegados sindicais e de traballadores da Administración Autonómica que protestaban e rexeitaban a actitude intransixente da Xunta de Galicia de non retirar o “Anteproxecto de Lei de Medidas no Emprego Público na Xunta de Galicia”. Na Xuntanza, o Director Xeral da Función Pública fixo entrega “in situ” de un novo documento que non e nin máis nin menos máis que o mesmo anterior documento simplemente maquillado cunhas lixeiras puntualizacións que non remudan nin a forma nin o fondo destas medidas brutais contra os servizos públicos e contra os dereitos laborais de 120.000 traballadores dependentes da Administración Autonómica.

CCOO considera que o “Anteproxecto de Lei de Medidas no Emprego Público na Xunta de Galicia” é un subterfuxio demagóxico máis do goberno popular para, coa coartada da crise, aproveitar para castigar unha vez máis aos traballadores dependentes da administración autonómica galega e para impulsar o seu plan político de desmantelamento dos servizos públicos para írllelos regalando á iniciativa privada para que os convertan en negocio particular sufragado á conta dos cidadáns.

CCOO lamenta que a administración mantivese a súa premeditada e calculada actitude impositiva, demostrando nula vontade de negociación, amosando incluso, dificultade, incapacidade ou pouca vontade en explicar con detalle a cuantificación pormenorizada do suposto aforro no que puideran argumentar ou sustentar tales medidas.

CCOO informa que os sindicatos do sector público asistiron con vontade negociadora e mantiveron de forma unitaria a petición de que a Xunta retirase o texto do anteproxecto de Lei de medidas no emprego público para no seu canto negociar a implantación doutras medidas de aforro máis xustas e máis útiles e que non significasen un ataque tan brutal aos servizos públicos e aos empregados públicos autonómicos como o que queren impoñer desde o Goberno do Partido Popular, encontrándose coa postura inmobilista e demagóxica da administración de negarse a negociar tal como llelo formularon as Organizacións Sindicais de xeito unitario.

CCOO advertiulle á administración que, coa súa intransixencia e irresponsabilidade, coa súa fuxida cara adiante, en definitiva, estaba fomentando e avivando un PROFUNDO CONFLITO LABORAL de IMPREDECIBLES CONSECUENCIAS, pois a proposta da Xunta carece de rigor, tanto desde o punto de vista formal como técnico que será contestado con contundencia polas Organizacións Sindicais e polos empregados e empregadas públicos da Administración Autonómica.


CCOO anima a tódolos empregados públicos a que participen activamente nas MOBILIZACIÓN UNITARIAS co fin de frear este ataque brutal ao emprego, aos dereitos laborais e aos servizos públicos da Xunta de Galicia, a próxima, mañá, día 16, diante dos principais centros de traballo de tódalas cidades de Galicia e o domingo, día 19, nas manifestacións contra a brutal Reforma Laboral que quere impoñer o Partido Popular.