Mostrando entradas con la etiqueta DXX. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta DXX. Mostrar todas las entradas

Comunicado da DXX | Modificación da conta de correo electrónico do Servizo de Persoal da Administración de Xustiza


27 ene 2025


 




Infórmase da modificación da conta de correo electrónico do Servizo de Persoal da Administración de Xustiza da Dirección Xeral de Xustiza, que pasa a ser: servizo.persoal.xustiza@xunta.gal.

Os correos enviados á conta de correo electrónico anterior (servicio.persoal.xustiza@xunta.gal) seguirán recibíndose na nova conta habilitada.


Solicitude Mesa Negociacion a DXX


24 abr 2020



O sector de xustiza de CCOO Galicia insta de forma inmediata á Dirección Xeral a abordar de forma negociada a decalaxe no ámbito xudicial.

A posible publicación dun Real Decreto onde se conteñan como puntos esenciais a mobilidade e prestación de traballo por quendas de mañá e tarde debe ser negociada e, en todo caso, garantindo as máximas medidas de protección tanto para a cidadanía como para os traballadores e traballadoras, polo que CCOO solicita:

  • Unha mesa de negociación previa a calquera resolución, en cumprimento do artigo 37.1 do EBEP, cunha orde do día onde se aborde de forma inicial a elaboración dun plan de teletraballo, para o que CCOO ten unha proposta clara, plans de actuación a medio prazo para evitar o colapso nun servizo público esencial, atendendo aos colectivos máis desfavorecidos polas circunstancias socioeconómicas derivadas da pandemia, anticipándonos ao cese do estado de alarma.
  • Que se garanta dentro do Comité de Seguridade e Saúde que, previamente a calquera aumento de incorporación de persoal, se doten dos medios necesarios (mamparas, xeles, luvas, máscaras) e as medidas de prevención oportunas (distancia mínima, atención con cita previa...) para a volta a normalidade. CCOO esixe que en tanto no se dea este mínimo de seguridade con protocolos claros e por escrito non debe haber ningún cambio nas directrices de traballo.
  • Que se dea entrada ao colectivo máis numeroso, os funcionarios e funcionarias, a través da súa representación sindical, na Comisión de seguimento no TSXG, xa que logo está a xerar confusión a súa posicións ás veces contraditoria co que vén regulado nos Reais Decretos do estado de alarma.
  • Que no canto de falar de mobilidade se implante un sistema de reforzos da bolsa de interinos para dotar de maiores recursos humanos á xustiza e, por ende, contribuíndo a paliar o desemprego atroz, atendendo a ámbitos como o social, familia ou violencia de xénero, principalmente afectados por esta crise.

CCOO considera que a dirección xeral non debe adiar máis a negociación obrigada do teletraballo, tendo en conta que as circunstancias derivadas da Covid 19 poden prorrogar a forma en que vai funcionar a xustiza no futuro, e serán as clases máis desfavorecidas, da man dos traballadores e traballadoras da xustiza, as máis prexudicadas se non se actúa de forma áxil, negociada e responsable.

Información sobre as substitucións entre titulares


28 jun 2016


 






Hoxe recibimos o seguinte  correo electrónico da DXX informando das novidades que sobre a tramitación das substitucións entre tiulares publicaranse proximamente na intranet xudicial :




Bo día,

Achegamos información sobre a tramitación das substitucións entre titulares que se publicará para o coñecemento de todo o persoal na intranet xudicial.

·        As solicitudes serán cumprimentadas de acordo co anexo II bis dispoñible no apartado adicado ás substitucións entre titulares da intranet xudicial. Neste novo anexo habilítase a posibilidade de solicitar máis dunha das prazas que se oferten, e a orde na que se soliciten, será a que se teña en conta como orde de preferencia para o caso de corresponderlle á persoa máis dunha das prazas. (Xúntase o anexo)

·        A remisión das solicitudes feitas polo persoal solicitante remitirase a través dalgunha das seguintes canles:
o   Correo electrónico: servicio.persoal.xustiza@xunta.es
o   Fax: 981546222

·        A proba de entrega será o acuse de recibo do fax ou do correo electrónico enviado, e non será preciso achegar documentación acreditativa algunha xunto coa petición, xa que de ser precisa será requerida pola Dirección Xeral.

·        Logo da revisión das peticións recibidas na Dirección Xeral, publicarase na intranet xudicial unha resolución na que se indicarán os nomes das persoas adxudicatarias e a data de efectos das súas substitucións.

·        Os correspondentes acordos de substitución entre titulares serán enviados por correo electrónico aos /ás adxudicatarios/as, sendo comunicados, á súa vez aos superiores funcionais dos órganos de orixe e destino para o seu coñecemento.


Un saúdo

A Dirección Xeral de Xustiza restablece a bolsa de horas


16 feb 2016


   
 Despois de que o pasado venres, a Dirección  Xeral de Xustiza, de maneira arbitraria e unilateral, comunicase ás distintas Xefaturas Territoriais  a supresión dos días de libranza por acumulación de horas, e ante as protestas formuladas por CCOO e as demáis centrais sindicais ante esta decisión inxustificada,  tomada sen previo aviso, e sen ningún tipo de negociación cos representantes dos traballadores,  a DXX , vía telefónica, comunícounos o  restablecemento da   bolsa de horas para este ano 2016.

Nesta mesma semana habilitarase novamente no OPAX a opción que posibilita a petición dos días de libranza por exceso de horas.                            

Folla informativa mesa sectorial do 29 de xaneiro


30 ene 2015


Achegamos folla informativa da mesa sectorial que tivo lugar onte na EGAP coa Dirección Xeral de Xustiza

Mesa sectorial na Dirección Xeral


24 sept 2014


A Dirección Xeral convócanos este venres a mesa de negociación para continuar cos trámites de "oídas as organizacións sindicais" antes de aprobar macroproxectos baleiros de contido, como a Nova Oficina Fiscal ou os Servizos Comúns Xerais, que non van ser máis que o mesmo can con diferente collar e que, aínda por riba, suporán un empeoramento das nosas condicións laborais.

A orde do día que se nos envía é a seguinte:

1.            Lectura e aprobación da acta da sesión anterior
2.            RPT das Fiscalías
3.            Decreto  Servizos Comúns Procesuais Xerais e proxecto piloto
4.            Calendario laboral 2015
4.            Rolda de intervencións

E chega do Buzón do Servizo de Persoal ás 10:58 horas de hoxe, a menos de 48 horas da mesa, para tratar temas transcedentais para a estrutura e mobilidade do persoal de xustiza, sobre todo no que toca ao Decreto dos Servizos Comúns. E por iso que CCOO solicitou un adiamento para a semana que vén e que se nos traslade toda a documentación, para que a Dirección Xeral non xogue coas cartas marcadas, non hai rastro do borrador do calendario laboral nin borrador do proxecto piloto do servizo común, co que, sobre todo nisto último, negociamos sen información das responsabilidades de cada posto de traballo, complementos, concursos, etc

Pero sobre todo o adiamento é para poñer enriba da mesa temas que nos atinxen de moita máis urxencia que estas estruturas artificiais que pretenden implantar e que non inclúen na orde do día:

- Negociación da devolución da paga extraordinaria de decembro 2012, como está a acontecer en todo o territorio nacional e explicación dos recursos presentados en interés de lei (de qué lei, preguntámonos)

- Negociación das substitucións para o seu pago íntegro

- Negociación da función de expurgo, co nomeamento de funcionarios de reforzo itinerantes como acontece en Andalucía

- Baremación da bolsa de interinos, etc...

Dende a Dirección Xeral comunicáronse con nós por teléfono transmitindo a súa negativa a variar a data da mesa de negociación, ninguneando os intereses dos traballadores e traballadoras de xustiza e modificando as preguntas e suxestión nun eufemístico "rolda de intervencións" que ven significando por un oído me entra e por outro me sae....

Se tedes interese en trasladar algunha problemática concreta do voso centro de traballo podedes enviar un correo a sectorxustizaccoo@gmail.com


FOLLA INFORMATIVA MESA SECTORIAL


19 jun 2014


Para ver a pantalla completa preme aquí



ASÍ NOS IRÁ…


19 may 2014



O pasado martes 13 de maio, a Dirección Xeral de Xustiza convocou ás organizacións sindicais a Mesa Sectorial, a fin de tratar a nova oficina fiscal e o decreto de nova oficina xudicial.

Tras anos de recortes, de nulo respecto pola negociación colectiva e de decisións unilaterais abusivas, CCOO, UGT e CiG, postura que tamén compartiu USO, decidimos non acudir a lavar a cara a unha Dirección Xeral empeñada en vender grandes alardes moi afastados da realidade: por moita nova oficina fiscal e xudicial, que publican nos medios antes incluso de seren negociadas, os traballadores e traballadoras da Xustiza sabemos que o colapso, con redución de medios persoais e materias e vulneración de dereitos constantes, non se soluciona con catro titulares de prensa.

E por iso, por respecto aos compañeiros, polo que nos negamos a negociar só o que marca a axenda política da Dirección Xeral, na que tamén incluíu no pasado:

-    Eliminación da paga extra de decembro de 2012

-    Eliminación do 4% da masa salarial (mínimo 400 euros nas extras) sine die

-    Conxelación salarial dende 2010

-    Decreto de IT’s: poderemos pagar máis de 400 euros por cometer o delito de enfermar

-    Atribución de novas funcións

-    Amortización do 5% do cadro de persoal no 2012

-    Un futuro incerto para máis do 30% do cadro de persoal coas reformas do Rexistro Civil ou a Lei Orgánica do Poder Xudicial

-    Perda de días de vacacións e asuntos propio... e un largo etcétera

Todas estas decisións foron impostas, e quizais sexa a hora de dicir até aquí chegamos. Non é unha cuestión de parar o golpe do rodillo, o que non podemos é ser cómplices dese mesmo rodillo, entrando ao xogo dos recortes como espectadores, sen ningún tipo de oposición máis que a participación no paripé no que converteron as mesas sectoriais.

Polo tanto as organizacións sindicais contestamos á convocatoria, non negándonos, senón demandando que se incluíran os seguintes temas:

-    Arquivos e expurgo: polo incumprimento do compromiso de nomear dous funcionarios itinerantes por provincia, cando hai xulgados sobresaturados, como os sociais, aos que xa se lles está a impor esta función.

-    Substitucións: pasaron xa seis meses dende que a Dirección Xeral se comprometeu a procurar unha solución, para que a igual traballo igual salario

-   Aplicación dos cómputos horarios nos SACES por dilixencias urxentes

-    Gardas nos xulgados de instrución: un novo golpe de mano que, ao igual que pasa co expurgo, deixa aos secretarios coordinadores a ordenación paralegal das nosas funcións

Esta decisión de non acudir senón se falaba primeiro dos compromisos incumpridos, foi comunicada ao sindicato CSIF, quen, nunha postura oportunista e demagóxica, acudiu en solitario a facerlle o xogo a administración, rachando unha unidade necesaria para sumar forzas contra o expolio.

A Dirección Xeral volveu demostrar que o colectivo de funcionarios non está na súa prioridade, e si o está ese deseño moderno de oficina que, subrepticiamente, agocha reordenacións, mobilidade salvaxe e amortizacións. E si, así nos vai.



Galicia, 19 de maio de 2014

Os pioneiros. Un artigo sobre o expurgo


11 abr 2014




Cando un pensa nos pioneiros recorda as pelis que vía de pequeno do vello oeste, aqueles carromatos ateigados de trastes conducidos por un vello escuálido e barbudo, co pito na boca, nunha man o Winchester e noutra as bridas, guiando á familia numerosa cara terras inhóspitas. Ían na procura dun futuro mellor, á caza dun ouro que cambiase as súas vidas, atravesaban o deserto, soportaban os ataques dos indios, que eran moi malos, berraban moito, sempre perdían e adoraban as chisteras; pero os pioneiros tiraban sempre para adiante, protexidos por un tipo grande de chaleco laranxa, John Wayne, que non fallaba unha o tío e cunha bala mataba a catro indios, a pesares de poñerse ata arriba de whisky. 

O Far West está de volta. Ese vello do carromato personifícase no Director Xeral de Xustiza, un pioneiro moderno, de gravata e traxe, que avanza a territorios inexplorados, acompañado dos secretarios coordinadores e defendido polo Sheriff Rueda no seu saqueo das terras indias.

Galicia, ese dechado de virtudes na austeridade, atopou unha mina de ouro inacabable: os petos dos funcionarios. No canto dunha chistera ou unha botella de auga de lume, o Director Xeral páganos cunha nova moeda de cambio: máis funcións! máis madeira! Que diría Groucho. 

Somos a comunidade con máis ataques retributivos. O desconto do CAT nas extras por segundo ano consecutivo, a conxelación salarial por carto ano e o roubo da extra de 2012 minoraron o noso poder adquisitivo máis dun trinta por cento. Algunhas comunidades gobernadas polo PP, como Extremadura ou Castilla y León, xa devolven de oficio ese atraco. Nós non, máis chulos que dios, dito vulgarmente, prometen litigar ata o final para non pagarnos a extra usurpada, así o dixo o Director Xeral de Función Pública, que parece disposto a chegar ao Tribunal de Estrasburgo se fai falta, en defensa do dereito ao latrocinio da Xunta de Galicia. 

Neste 2014 o que parece estar de moda na Dirección Xeral é a asignación de novas funcións: o expurgo. Nun caos organizativo e utilizando aos secretarios coordinadores como francotiradores, os funcionarios de xustiza, nun servizo público carente de medios persoais e materiais, vémonos da noite á mañá facendo labores de limpeza, baixo o pretexto de que son “funcións xurisdicionais” e que entra dentro da potestade de dirección dos secretarios xudiciais atribuírnos esa función. Magnífico. Se un secretario vos manda sementar patacas xa sabedes, collede o sacho que é unha potestade de dirección! Pero iso si, cando as venda na praza a bolsa de moedas para eles, como acontece coa averiguación de bens, a tramitación das taxas e todas esas produtividades para as que lles facemos o traballiño. 

 Unha vez máis, os pioneiros demostran o seu valor e audacia. En Andalucía, esa labor foi feita por dous funcionarios de reforzo itinerantes por provincia. En Cataluña por persoal da Generalitat. Aquí non, aquí todo para os indios: os funcionarios de xustiza, sen reforzo, dentro da súa xornada laboral e tendo que abandonar as súas labores de tramitación de procedementos para facerlle o traballiño á Xunta, que logo sacará notas de prensa de autobombo asinadas polo sheriff Rueda, coa gran labor que fixeron no expurgo e, seguramente, en plena campaña electoral. 

Creo que esta batalla a debemos dar, afiade as frechas e galopade en círculo ao redor deses colonizadores pero para iso cómpre o de sempre: unión, organización e estratexia. Participade nas asembleas e acudide as mobilizacións, senón damos medo nos comen! E novamente gañarán os vaqueiros, eu, que queredes que vos diga, sempre fun máis dos indios...

Arquivos e Expurgo: A Dirección Xeral de Xustiza elude a súa responsabilidade


24 mar 2014





O pasado 28 de febreiro tivo lugar na Dirección Xeral unha mesa técnica de arquivos e expurgo, a petición das organizacións sindicais, ante a sobrecarga de traballo que estaba a supoñer o expurgo en determinados órganos, labor atribuída sen ningún tipo de negociación e por imposición aos funcionarios de xustiza. Así mesmo, a mesa estaba convocada co fin de procurar unha solución aos saturados arquivos de xestión dos centros de traballo e os arquivos definitivos, máis que arquivos racionalizados, verdadeiros vertedoiros de papel. 

En dita mesa, a Subdirectora Xeral, Dolores Sáez, comprometeuse a buscar solucións entre todos, fíxose propósito de enmenda por non teren buscado cos representantes dos traballadores as fórmulas idóneas para non atribuír máis funcións aos traballadores que, en plena xeira de amortizacións (basta con ver as prazas bloqueadas no concurso de traslado), cunha vaga de recortes continua, e cos órganos colapsados por falta de medios persoais, ven como sen ningún tipo de remuneración, teñen o mandato imperativo de levar adiante o expurgo e ser eles os que fagan as labores de arquiveiros. 

 A Dirección Xeral apelou ao seu propio “voluntarismo” para solucionar o que, polo menos, considera un problema grave, e comprometeuse a convocar na semana seguinte unha mesa técnica. Tres semanas despois nin hai convocatoria, nin negociación, nin ningún tipo de solución, todos os compromisos foron incumpridos. Polo tanto, as Organizacións Sindicais con representación na mesa sectorial de Xustiza, CCOO, USO, UGT, CSIF e CIG, de forma unitaria, reivindican: 

1.- A convocatoria inmediata dunha mesa técnica de arquivos e expurgo, paralizándose en tanto non teña lugar a atribución de funcións de expurgo aos funcionarios de xustiza. 

2.- O nomeamento de dúas prazas por provincia de funcionarios de reforzo itinerantes, persoal que estaría especializado e cualificado para facer o expurgo con máis eficacia e rapidez. Subsidiariamente, que se oferten prolongacións de xornada voluntarias aos funcionarios de xustiza para levar a cabo estas tarefas. 

3.- A creación de verdadeiros arquivos territoriais, e non pequenas salas nas Audiencias ou TSXG, que son de todo punto insuficientes como arquivos definitivos e perpetuarían os problemas de espazo. 

4.- A participación sindical na Xunta de Expurgo, co fin de coñecer o ritmo dos traballos e servir de canle de unión entre dito órgano e os traballadores 

5.- A dotación suficiente das plantillas de persoal laboral, que está a desempeñar un gran traballo, inasumible cos raquíticos cadros de persoal de que dispoñen, e que a Dirección Xeral pretende solventar derivando funcións destes corpos aos funcionarios de xustiza 

Galicia, 21 de marzo de 2014

CCOO demanda da Dirección Xeral de Xustiza a convocatoria inmediata de mesa sectorial


19 mar 2014




O Sector de Xustiza de CCOO remitiu escrito á Dirección Xeral de Xustiza para a convocatoria urxente dunha mesa sectorial. A costume de aplicar o rodillo ditatorial, con nulo respecto á negociación colectiva, que representa á transmisión aos traballadores a través das organizacións sindicais das medidas consensuadas a aplicar no noso eido, estase a converter en tradición para Juan José Martín, Director Xeral de Xustiza. 

A aplicación de recortes pola vía dos feitos consumados, como a limitación da bolsa de horas, a inclusión de novas prazas na listaxe de amortizables que anula de facto o concurso de traslado e requiren dunha explicación e revisión inmediatas, a negativa a negociar as substitucións baixo o principio básico de “igual traballo, igual remuneración”, o expurgo unilateral e atribuído tamén por decreto aos funcionarios que leva a cabo a administración, ou a insinuación de que este ano implantarase a Nova Oficina Xudicial, sen participación sindical e coa probabilidade de novos intentos de amortización, amosan unha actitude de desidia e desconsideración polos traballadores da xustiza, aos que se lles atribúe unha presunción de culpabilidade que non merecen, sendo grazas a eles que a Xustiza non colapsa por falta de medios. 

En consecuencia, dende o Sector de Xustiza solicitamos: 

1.- A convocatoria inmediata de mesa sectorial para tratar os temas expostos 

2.- O cese das decisións unilaterais, propias de actitudes antidemocráticas 

3.- Unha actitude negociadora real, cun calendario preestablecido de mesas, que se cumpra por ambas partes, sen máis dilacións ou escusas. 

Galicia, 19 de marzo de 2014

Concurso de traslado 2014 previsto para abril-maio


10 mar 2014


A CONVOCATORIA DO CONCURSO DE TRASLADO 2014 NON SE PUBLICARÁ ANTES DE FINAIS DE ABRIL, SENDO MÁIS PROBABLE A PRIMEIRA QUINCENA DE MAIO.


O Sector de Xustiza de CCOO insta á Dirección Xeral á publicación inmediata de todas as vacantes como xa fixeron outras Comunidades e o territorio non transferido, anulando a amortización de prazas.

A data prevista de publicación depende da celeridade coa que as diferentes Comunidades e Xerencias remitan ao Ministerio as vacantes dos seus respectivos territorios, polo que o retraso inxustificado unicamente prexudicará aos compañeiros e compañeiras que están pendentes do concurso. 

A mal chamada reordenación de efectivos publicada por imposición en maio de 2012, sen respecto ningún á negociación colectiva, é un feito que converteuse nunha amortización do 5% do cadro de persoal, xa que o compromiso de crear prazas do servizo de apoio e consolidar os reforzos estruturais, non foi cumprido pola Dirección Xeral. Polo tanto CCOO esixe da DXX a anulación do plan de amortización, e que as posibles resultas derivadas das Audiencias Provinciais, Xulgados do Contencioso, Instrución e Xulgados de Paz, sexan ofrecidas tamén no concurso. 

Así mesmo reivindicamos que os cretos orzamentados das prazas xa amortizadas sexan destinados á creación de prazas e ofertadas neste concurso do Servizo de Apoio dos Decanatos, para evitar o colapso de órganos como os Xulgados do Social de reforzo, que deberían equiparar a plantilla aos xulgados ordinarios, tamén para levar a cabo o expurgo, que está a ser imposto aos funcionarios, con máis sobrecarga de traballo sen xustificación ou para evitar a atribución de funcións intempestiva entre funcionarios de auxilio, polo fracaso na maioría de cidades do sistema de quendas. 



Convocada Mesa Sectorial para o xoves 19 de decembro


17 dic 2013


A Dirección Xeral de Xustiza ven de convocar á Mesa Sectorial para o vindeiro día 19 de decembro ás 11:00 coa seguinte orde do día:

1. Aplicación do Decreto de Incapacidade Temporal.
2. Substitucións.
3. Nova Oficina Xudicial (servizos comúns) e Nova Oficina Fiscal.
4. Calendario Laboral 2014
5. Rogos e preguntas







Solicitude á DXX do mantemento dos reforzos nos xulgados de Lalín


3 dic 2013


Na última visita que efectuamos as catro centrais sindicais integradas na plataforma pola defensa da xustiza en Galicia, como consecuencia da recollida das enquisas pola consulta das mobilizacións a adoptar polos traballadores da Administración de Xustiza en Galicia, e dada a complicada situación que atravesan os xulgados de Lalín, e en particular o xulgado nº 1,  solicitamos da Direción Xeral a inmediata cobertura daquelas prazas que non estiveran cubertas nestes intres, xa sexa polo concurso, baixas, etc. a fin de que ese xulgado volva a ter o seu cadro de persoal ao completo.



Instrución para a tramitación das situacións derivadas da incapacidade temportal (IT) dos funcionarios ao servizo da administración da Administración de Xustiza


28 nov 2013


No día de hoxe, a DXX publicou o seguinte anuncio.


Conforme ao disposto na disposición transitoria sexta da Lei orgánica 8/2012, que modifica o parágrafo sétimo do número 5 do artigo 504 da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do Poder Xudicial, ditouse o Decreto 169/2013 que regula os complementos ás prestacións por incapacidade temporal dos funcionarios dos corpos ao servizo da Administración de Xustiza, dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 26/11/2013).

Os supostos polos que se percibirá o 100% das retribucións son os mesmos que os previstos para os funcionarios destes corpos no ámbito territorial do Ministerio de Xustiza, e en liña cos regulados noutras comunidades autónomas con competencias na materia.


A nova regulación permirá evitar a discriminación que se producía entre o persoal suxeito ao réxime xeral da Seguridade Social e o pertencente ao réxime mutualista cando a situación de incapacidade temporal supera a os 180 días. A partir de agora a comunidade autónoma, nos casos que así sexa preciso, completará a prestación da mutualidade para igualar as retribucións entre o funcionarios de Seguridade Social e os da MUXEXU.

En canto ás ausencias sen parte de baixa, se requirirá a oportuna xustificación, pero a tramitación e efectos de estas situacións serán os mesmos que rexían ata agora en tanto se produce a súa regulación.

Para consultar as instrucións para a xustificación da incapacidade temporal prema na seguinte ligazón.


A xunta discrimina aos funcionarios de Xustiza frente a Xuíces e Fiscais


26 nov 2013


  • A aplicación inmediata dos descontos por incapacidade temporal trata aos funcionarios como persoas de 2ª categoría frente a xuíces e fiscais
  • A partir de mañá os traballadores da xustiza pagaremos 30€ por cada día de baixa laboral


A Dirección Xeral de Xustiza dirixida polo Conselleiro Rueda e o Director Xeral, Juan José Martín (para quen non o sepa, funcionario do Corpo de Secretarios Xudiciais), nunha nova demostración de desprecio hacia os traballadores da Administración de Xustiza remitiu a última hora da mañá de onte o seguinte correo:

Bo día.
Comunicovos que o vindeiro día 26 de novembro publicarase no DOG o Decreto sobre a aplicación dos complementos á prestación económica na situación de incapacidade temporal e outras situación protexidas dos funcionarios ao servizo da Administración de Xustiza, competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.
Así mesmo a vindeira semana, tense previsto a publicación da orde sobre selección e nomeamento de interinos para cubrir postos de funcionarios dos corpos xerais ao servizo da Administración de Xustiza en Galicia. (enlace á publicación no DOG )

Cun xeito de actuar oscurantista e totalitario, a DXX ordenou a publicación do decreto sen nin sequera dalo a coñecer aos sindicatos cando o decreto ten data de 14 de novembro
Ante o ataque brutal e as actitudes impresentables dos máximos responsables da Xunta non podemos permitir:
Que todos aqueles traballadores que todavía estaban pensando se apoiar, ou non,  co seu voto a FOLGA, tras este atropelo non voten outra cousa que non sexa un rotundo SÍ a FOLGA
Que aqueles traballadores que votaron no seu día o Partido Popular permitan coa súa inacción que os que lle enganaron continuen pisoteando os seus dereitos e por ende os de todos os traballadores.
Que algún Sindicato argumente a falta dunha terceira vía, que por certo acaba de fracasar estrepitosamente en Cataluña, para abandoar a unidade Sindical que tanto esixen os traballadores.
Que os traballadores prefiran votar sen nome, rebelándose contra o voto nominal, e non sexan quen de rebelarse contra o realmente é importante os RECORTE DE DEREITOS que estamos a sufrir.
NON PODEMOS PERMITIR a actitude demagoxica daqueles que se permiten aconsellar votar sen nome e rebelarse contra os sindicatos en vez de contra a Administración, cando eles non foron quen de asumir as normas dunha plataforma e sumarse a unha maioria para defender os dereitos de todos os traballadores, que só esconde unha intención, ¡¡¡FACER FRACASAR UNHA FOLGA¡¡¡ AINDA A COSTA DOS INTERESES DE TODOS OS TRABALLADORES DA ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA
Facemos un chamamento a que os 2 sindicatos que se desmarcaron da mobilización volvan á plataforma para poder defender todos xuntos os dereitos de todos os traballadores que están sendo atacados

TODOS DEBEMOS REMAR NA MESMA DIRECCIÓN
FOLGA NA ADMINISTRACIÓN DE XUSTIZA DE GALICIA SI, OU SI.
PARALICEMOS A ADMINISTRACIÓN

Información sobre cesamentos e tomas de posesión correspondentes ao concurso de traslados de 2013


13 nov 2013


A Dirección Xeral de Xustiza ven de publica-lo seguinte anuncio na intranet:

O vindeiro martes 19 de novembro publicarase no BOE e no DOG a Resolución do 28 de outubro de 2013, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se resolve definitivamente o concurso de traslado para prazas vacantes entre funcionarios dos corpos e escalas de xestión procesual e administrativa, tramitación procesual e administrativa e auxilio xudicial da Administración de xustiza, anunciado pola Resolución do 15 de abril de 2013.
Segundo a resolución, tanto a toma de posesión coma os cesamentos realizaranse na xefatura ou delegación territorial correspondente ao destino. Por cuestións organizativas, agradeceríase a formalización das tomas de posesión entre as 9.00 e as 11.00 horas e a dos cesamentos entre as 12.00 e as 14.00 horas de luns a venres. (Fóra destas franxas horarias o acceso ás dependencias dos respectivos servizos de persoal de xustiza pode ter restricións.)
Á marxe das datas de cesamento fixadas na Resolución (corpo de tramitación o día 26.11.2013, auxilio e xestión o día 03.12.2013), no caso de que un funcionario reingresado tome posesión antes das datas indicadas na praza de outro que tamén obtivese destino no concurso, este segundo cesará o mesmo día da toma de posesión do reingresado, empezando a contarlle o seu respectivo prazo posesorio.
No caso de cesar e tomar posesión na mesma localidade ou en distintas localidades dunha mesma provincia, ambas formalizacións poderanse facer o día da toma de posesión, sendo a data de formalización do cesamento a que corresponda de acordo coa resolución de adxudicación.
Co fin de axilizar a tramitación das altas e baixas, relacionamos a documentación que as xefaturas ou delegacións territoriais precisan para abrir ou completar os expedientes persoais das persoas que tomen posesión dun novo posto*.
Persoal procedente de fóra da comunidade:
Persoal destinado na comunidade:
Para o caso dos cesamentos do persoal que obteña novo destino fóra da C.A. de Galicia, no momento de formalización do cesamentodeberán facer entrega da tarxeta de identificación persoal e de control horario, asinando o impreso acreditativo de tal circunstancia. No caso de non ter que formalizar cesamento ningún por reingresar fóra da comunidade nun corpo distinto do que estaba a prestar servizos, a tarxeta será entregada presencialmente ou por correo postal ao correspondente servizo de xustiza.
*No caso de non estar en posesión dalgún dos documentos, estes remitiranse coa maior brevidade posible ao correspondente servizo de xustiza.



CCOO reclama á Xunta de Galicia o reembolso da paga extra de 2012


12 nov 2013



Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidencia e Consellería da Presidencia

Administracións Públicas e Xustiza da Xunta de Galicia
 
Galicia, 12 de novembro de 2013

Onte, 11 de novembro, publicouse a sentenza do Xulgado do Contencioso-Administrativo n.º 10 de Sevilla na que no fallo se expresa textualmente:
1.    Estima a demanda reitora desta litis e, en consecuencia:
a)  Declara contraria a dereito a minoración de 1/14 parte da contía anual de soldo e trienios sufrida polo actor nas súas nóminas de xullo a decembro do exercicio de 2012.
b)   Declaro o dereito do actor a ser resarcido pola Administración demandada aboándolle as anteriores minoracións máis os seus intereses legais.
c)  Condeno a Administración demandada a estar e pasar por esta declaración
2.    Sen imposición de costas

Sendo firme esta sentenza.
Esta resolución xudicial recoñece que a Administración debe devolver a paga extra íntegra de 2012 suprimida ao persoal da Administración de Xustiza, tal e como todos os sindicatos representativos do ámbito da Administración de Xustiza levamos demandando o Ministerio de Xustiza e as CCAA con competencias transferidas. Así mesmo cos mesmos argumentos vimos presentando ante os Tribunais de Xustiza centos de demandas colectivas e individuais, para a defensa dos dereitos de todos os traballadores, tras a aprobación polo Goberno da Nación, do que forma parte, do Real Decreto Lei 20/2012 en xullo do ano pasado.
Para CCOO a sentenza crea un precedente importante e de recoñecemento deste dereito a todo o persoal da Administración de Xustiza, e vén a dar a razón, aos traballadores e aos sindicatos representativos, de que o acto polo que se suprimiu polo Goberno a paga extra de decembro de 2012 ao persoal da Administración de Xustiza non só era inxusto, senón profundamente ilícito.
Por iso, CCOO reclámalle que polo Ministerio de Xustiza se proceda a:
1.- O aboamento de oficio, a todo o persoal da Administración de Xustiza, da paga extra suprimida en decembro de 2012 cos seus intereses legais.
2.- A xestión do Ministro de Xustiza ante os máximos representantes das CCAA con competencias transferidas para que estas devolvan, igualmente ao persoal da Administración de Xustiza dos seus ámbitos de competencia, a paga extra íntegra de decembro de 2012, tamén suprimidas por aquelas en virtude do mesmo Real Decreto Lei do Goberno.


Pablo Valeiras Ríos

Coordinador do Sector de Xustiza  de CCOO

O balance horario correspondente ao mes anterior estará dispoñible na OPAX a partir de cada día 10


7 oct 2013


A Dirección Xeral de Xustiza ven de publicar na súa intranet o seguinte aviso:


Informamos de que a partir do presente mes de outubro, o balance horario correspondente ao mes anterior estará dispoñible na OPAX a partir de cada día 10. Este cambio faise preciso para poder dar trámite ás incidencias e permisos con repercusión sobre o control horario referidas aos últimos días de cada mes.

Ao mesmo tempo solicitamos que cando menos, unha vez rematado o mes, e antes do día 5 do mes seguinte,se revisen as marcaxes realizadas para así incorporar as incidencias xeneradas con anterioridade á visualización do balance, conseguindo, deste xeito, unha información certa sobre a bolsa de horas acumuladas, e evitando, á súa vez, requerimentos de xustificación por aparentes incumprimentos do horario.

Atribución de funcións en Ferrol inoperancia da Dirección Xeral


17 sept 2013


O pasado marzo remitiuse á Dirección Xeral de Xustiza, asinado polo 100% do cadro de persoal do corpo de auxilio dos Xulgados de Ferrol, escrito coas seguintes reivindicacións:

Ø   Case que a totalidade dos Xulgados de Ferrol dispoñen, no seu cadro de persoal, dun só funcionario do corpo de auxilio.
Ø   Cando un destes funcionarios/as se atopa de baixa por enfermidade, a Delegación Territorial de Xustiza, ten por costume facer atribucións de funcións  sistemáticas a outro funcionario do mesmo corpo doutro xulgado, deixando desasistido o servizo.
Ø   As atribucións fanse de xeito indiscriminado, son extemporáneas (en moitos casos no mesmo día) e alteran o ritmo de traballo dos xulgados, xerando situacións de conflitividade cos superiores xerárquicos.
Ø   O mal chamado plan de reordenación (amortización en toda regra) de abril 2012 da Dirección Xeral contemplaba a creación de prazas do Servizo de apoio, e polo tanto, para evitar distorsións innecesarias no traballo, esixen a creación dunha praza de apoio adscrita ao decanato que realice todas as atribucións de funcións da localidade.
Ø   En tanto isto non suceda, e dado que o sistema de quendas e de imposible aplicación en Ferrol, por só ter un funcionario de auxilio por xulgado, que se retribúan as atribucións feitas, por supoñer unha discriminación flagrante: a mesmo traballo, mesmo soldo
Ø   Que se modifique a orde de substitucións co fin de ter unha base legal na que articular a defensa ante supostas irregularidades.

Seis meses despois, e tras sucesivas mesas de negociación, segue sen haber resposta por parte da Dirección xeral, o que demostra a súa preocupación polo cadro de persoal e, por extensión, polo servizo público.

Reiteramos no día de hoxe a solicitude que, de non ser atendida, implicará a adopción doutras medidas que pasen pola mobilización ou a exposición pública do problema.

A amortización de prazas efectuada nas Audiencias, Xulgados de Instrución, Contenciosos e Xulgados de Paz, foi chamada pola Dirección Xeral como unha reordenación, xa que as prazas amortizadas suporían a creación doutras, para consolidar reforzos e crear apoios. O tempo ven en darnos a razón, xa que máis alá do electoralismo dos Xulgados das preferentes, ningunha destas prazas foi creada, e cando son os propios traballadores por unanimidade os que poñen a urxencia manifesta da creación dunha praza de apoio esta cae en saco roto, desprezando a Dirección Xeral o criterio do que mellor coñece o servizo público, o traballador.

Instamos á Dirección Xeral a adoptar as medidas oportunas para que se cree unha praza do servizo de apoio no decanato de Ferrol.


Ferrol, 17 de setembro de 2013