O Sector de Xustiza de CCOO demanda reforzos inmediatos no servizo común xeral para o rexistro e repartición de asuntos


10 abr 2026


 



A implantación dos Tribunais de Instancia, coa conseguinte eliminación dos servizos de apoio, reforzos e prolongacións de xornada de forma xeneralizada, está a producir descompensación nas cargas de traballo, dende a entrada de asuntos ata a finalización das execucións, en todo o ciclo de tramitación de expedientes.

Isto é notable no que toca ao rexistro e repartición de asuntos que, cun cadro de persoal moi mermado respecto á entrada anterior da Lei de Eficiencia Organizativa, está a desenvolver o mesmo traballo, con menos recursos humanos, cunha nova situación de reparto derivada dos cambios organizativos, polo tanto practicamente cun reinicio do sistema, e asumindo unha sobrecarga laboral superior ás posibilidades do servizo con novas funcións, coma apoderamentos, exhortos ou escaneos.

Sendo a porta de entrada de todos os asuntos xudiciais, e en aras a ter un servizo áxil e eficaz, así como para respectar os dereitos laborais de xornada e cargas de traballo razoable, CCOO demanda desa Dirección Xeral de Xustiza o nomeamento inmediato no seguinte chamamento de interinos do persoal suficiente necesario, a determinar en coordinación co propio cadro de persoal, para volver ter un servizo de calidade, sostido co esforzo e desempeño dos funcionarios públicos, e en caso de considerarse unha necesidade estrutural, acometer unha modificación puntual da RPT para dotalo dos postos de traballo que rectifiquen a situación actual.

Así mesmo, dende CCOO, consideramos imprescindible que pola Dirección Xeral de Xustiza se dite unha instrución aclaratoria, sobre si os postos das xefaturas son con relevación de funcións ou non, e de ser así, sería necesario dotar dos postos amortizados de facto que non desenvolven as tarefas que lles correspondían con anterioridade.



Presentado por sede electrónica o 10 de abril de 2026